Asociación Galega da Muller

Asociación Galega da Muller
Nome científico: [AGM]

Xurdiu en 1976 a partir dunha xuntanza celebrada en Santiago de Compostela no contexto da mobilización que se produciu en todo o Estado despois da celebración das Xornadas Catalanas da Muller (maio de 1976), que representaron un punto de partida para a eclosión do movemento feminista. A confluencia de mulleres independentes e outras organizadas en partidos de esquerdas como o Movemento Comunista de Galicia (MCG) e a Liga Comunista Revolucionaria (LCR), convocaron as primeiras asembleas. Así a AGM foise conformando como unha organización feminista, unitaria e moi combativa na denuncia da situación das mulleres, chegando a ter presenza en Lugo, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Ourense, Pontevedra, Vigo, e outras localidades galegas. Ao longo de 1977 e 1978, período de intensa actividade e manifestacións contra o proxecto de lei de divorcio presentado polo goberno da Unión de Centro Democrático (UCD), contra as violacións, polo dereito ao aborto e outras reivindicacións, van aparecendo diverxencias nas posicións sobre estes e outros temas: as formas organizativas, a lexitimidade da dobre militancia feminista e partidaria ou a autonomía do movemento respecto dos partidos políticos e as institucións. A celebración dunha Asemblea Nacional en 1978, nun contexto tamén de forte efervescencia política e social, tivo como resultado a aparición de novas organizacións. Foi significativa neste proceso a corrente que logo se aglutinaría arredor da organización Feministas Independentes Galegas (FIGA). En 1981 refórzase a relación entre distintas organizacións locais nucleadas pola AGM, creándose a Coordenadora Nacional de Organizacións Feministas (CNOF), que comezou a editar a partir de 1982 a revista Andaina. Nesta década, a AGM e a CNOF, xogaron un papel destacado nas mobilizacións habidas no país, particularmente nas que participaron só mulleres, ampliando o abano reivindicativo á libre sexualidade e contra as agresións. Co nome AGM permaneceron núcleos en Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela.