Asociación Galega de Editores
Agrupación constituída en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1983 por iniciativa de Bieito Ledo Cabido como director-xerente da editorial Galaxia. Na mesma participaron Carmen Brochs, Enrique Iglesias, Bieito Ledo, Fernando Abraldes, José Luís Veleiro, Olegario Sotelo Blanco, Carlos Blanco Yáñez, Salvador García Bodaño e Antón Patiño. Ten as finalidades de defender, promocionar e difundir a edición de libros en lingua galega; os seus estatutos foron presentados para a súa aprobación oficial o 27 de setembro de 1983, sendo publicado o anuncio do referido depósito no DOG nº 143 de 7 de outubro de 1983. A primeira xunta directiva, elixida na xuntanza mantida en Santiago de Compostela o 29 de outubro de 1983, estivo presidida por Bieito Ledo Cabido. Por orde cronolóxica, presidiron a Asociación Galega de Editores Luís Mariño, Antonio Díaz Díaz, Bieito Ledo Cabido, Carlos Blanco Yáñez e Damián Villalaín. En cumprimento das súas finalidades a Asociación Galega de Editores vén desenvolvendo unha función de apoio, como organización profesional, á iniciativa empresarial da edición en lingua galega. Na actualidade representa e presta os seus servicios a 23 editores de libros, música e multimedia, formando parte da Unión Internacional de Editores a través da Federación de Gremios de Editores de España. A AGE promove e defende o dereito dos editores a publicar e distribuír os traballos da creación en completa liberdade. Con outras asociacións -autores, ilustradores, tradutores, libreiros, bibliotecarios e impresores- a AGE participa activamente en campañas de promoción do hábito de lectura, incentiva a novos autores e editores, e favorece o intercambio de creacións intelectuais máis alá dos límites nacionais. O respecto á propiedade intelectual como estímulo da creatividade é outro dos seus obxectivos, que verá incrementada a súa importancia na nova era da información.