asociacionismo
(
-
s
m
O asociacionismo vai unido a diversos procesos de cambio social, tanto na finalidade dos grupos como no seu funcionamento e distintas formas de organización. O asociacionismo galego, como conxunto de relacións sociais derivadas da adscrición e pertenza a grupos sociais, está afectado por procesos de urbanización, de comunicación, de infraestrutura económica e das condicións políticas e culturais que afectan á vida social. Existe unha relación bidireccional, xa que as circunstancias tecnolóxicas, culturais, políticas, económicas, etc, impregnan as condicións que retraen ou impulsan a formación dos conxuntos de asociacións e, así mesmo, eses movementos asociativos rematan por impulsar, estimular ou retraer a acción destes axentes. En sentido extensivo, o asociacionismo ou polisinodia galega, inclúe todos os grupos que, como tales, máis que como acción individual con personalidade propia exercen a actividade pública. Os grupos políticos, sindicais, profesionais, colexiados, cooperativistas ou fundacionais, pola súa estrutura formalizada ou pola finalidade lucrativa, teñen o seu propio ámbito de acción, distinto ao da actividade propia das chamadas “asociacións sen ánimo de lucro”. As Casas da Cultura e outros órganos vencellados ás administracións, organismos ou poderes públicos dos concellos, por exemplo, dificilmente poden entrar no seo dunha moi estrita definición de asociacións. Non obstante , malia a existencia de grupos derivados doutras institucións formais ou pola súa propia entidade formalizada noutras estruturas, non todas as asociacións forman parte do asociacionismo en sentido estricto, senón de formas especializadas de asociacionismo. De forma limitada, polas súas propias características, sobre todo polas relacións co poder político e coas grandes institucións sociais, o asociacionismo redúcese ás asociacións que, sen ánimo de lucro, constitúen os cidadáns no seo de tales grupos. Dificilmente poden entenderse no sistema político español asociacións que non formen parte da rede subvencional pública, incluso ata o punto de perder a súa propia entidade e os seus fins, pero se se prescinde desta relación poucas serían as asociacións que reúnen tal condición. Desde unha estrutura entre rural e urbana, incluso con fórmulas de urbanización, foron emerxendo grupos sociais e tendencias asociativas que se asentaron ou foron cambiando a medida que se desenvolvía a complexidade da sociedade galega. Desde o punto de vista cuantitativo, convén subliñar unha vez máis a baixa taxa de afiliación asociativa en Galicia, sobre todo no mundo rural, pero tamén ostensible na sociedade urbana. En 1999 constan establecidas 2.187 asociacións. É arredor das grandes cidades onde se acada a máis alta densidade asociativa: 239 na Coruña, 189 en Vigo e 166 en Santiago de Compostela. Entre os factores que impulsan o espírito asociativo, as asociacións galegas están relacionadas directamente coas manifestacións culturais e cos procesos de urbanización, de comunicación e de información electrónicas e co lecer -como espectáculo e como actividade pública-, sobre todo co desenvolvemento do fútbol ou co ascenso visible do asociacionismo feminino e a saúde. O impacto destas asociacións, sen embargo, non é moi sensible cando se trata de avaliar os estímulos ou os controis que puideran exercer sobre os centros e focos de poder social, económico ou político. Seguen sendo os operadores políticos e administrativos os que controlan, incluso por medio do recurso subvencional, as posibilidades de calquera funcionamento autónomo das asociacións, aínda que en certos casos constitúen unha plataforma de recrutamento dos líderes. Un dos grupos con presenza asociativa no panorama galego é o formado polas asociacións culturais. O seu número esténdese a agrupacións culturais, ateneos, coros e corais, federacións culturais, grupos culturais, liceos, orfeóns e polifónicas, grupos folclóricos e teatrais, etc; todos eles integrables nesa rúbrica xeral de “asociacións culturais”. Non obstante , no que atinxe ás relacións entre estes grupos na Coruña, por exemplo, figuran trinta e oito asociacións culturais, así cualificadas polos seus fundadores; isto é, sumando as demais co mesmo fin, o número case que se duplica. Dentro do impacto social da urbanización, cómpre subliñar a presenza de diversas asociacións de veciños en cada concello, figurando algunhas censadas con outra denominación, polo que non se fai constar como tal. Figuran na Coruña, Ferrol e Lugo once asociacións veciñais en cada unha das cidades, oito en Santiago de Compostela e vinte e dúas en Ourense e Vigo. Cómpre significar o alto número de asociacións veciñais que figuran en Allariz (20), case o mesmo que en Ourense ou Vigo e superior a outras cidades galegas. Outro exemplo, co que se corrobora o anterior, está formado polos vinte e un grupos que como asociación cultural figuran en Santiago de Compostela, pero aos que cómpre engadirlle outro elevado número de asociacións que, pola súa mesma denominación, hai que incluír no seo deste grupo. Destacan de xeito ostensible dous fenómenos sociais derivados da constitución humana sobre os outros. Por un lado, os grupos de xénero relativos ao xénero feminino en distintas situacións. En gran parte das localidades galegas, hai que constatar a presenza de grupos feministas, asociacións de mulleres separadas, de viúvas ou, dun xeito máis ideolóxico, de amas de casa, de mulleres orientadas cara á defensa do papel da muller. Os grupos de idade, sobre todo da terceira idade, constitúen un conxunto de asociacións tamén característico da sociedade moderna galega. Arredor das redes de comunicación e de información de masas vanse formando grupos, con novos contidos e especialidades. A diversidade de empresas de comunicación escrita, radiofónica ou televisiva, co desenvolvemento do vídeo e realidade virtual, levan aparellada a creación de grupos asociativos, ás veces no límite desa intención non lucrativa. Coa irrupción das autoestradas da información na vida social galega, coa mesma influencia e contaxio con que o vídeo comercial irrompera nos anos oitenta na vida cultural, van entrando nos usos e gustos da comunidade galega os salóns dedicados ao aluguer de Internet. Trátase de pequenos ou medianos establecementos abertos ao público, normalmente xuvenil, no que os consumidores poden facer uso da rede e conectarse cos elementos dispoñibles. Un grupo social moi distinto, xa que é moi visible e audible, é o integrado polos siareiros, espectadores ou curiosos do fútbol que emerxeron en Galicia, como noutras partes do territorio español, concentrando un gran número de xente. As peñas futbolísticas foron a consecuencia inmediata de tal agrupamento, da convivencia por medio do lecer. En Galicia dúas delas foron distinguíndose das demais, no contorno do Real Club Deportivo de la Coruña e do Real Club Celta de Vigo xurdiu o protagonismo das peñas Riazor Blues e Celtarras, respectivamente, que adoptaron un xeito de entender o deporte radical e excluínte.
-
s
m
[FILOS/PSIC]
Teoría psicolóxica e filosófica segundo a cal as sensacións constitúen os elementos orixinarios da consciencia, das que derivan, grazas ás súas combinacións, todas as outras actividades psicolóxicas (imaxinación, memoria, pensamento, sentimento). D. Hume e D. Harley son considerados os seus fundadores. Constitúe o primeiro intento por establecer unha psicoloxía científica e obxectiva, e inflúe profundamente nas teorías clásicas da aprendizaxe.