Asociación Textil de Galicia
Entidade de carácter privado creada en 1991 como froito da iniciativa conxunta das principais empresas da industria téxtil e da confección de Galicia co gallo de apoiar o sector. Os seus socios fundadores son as empresas: Florentino, Unicén, Antonio Pernas, Volvoreta, Roberto Verino Difusión, Géneros de Punto Montoto, Creaciones Toypes, Jealfer, Pili Carrera, D’AQ, Caramelo e Adolfo Domínguez, aos que logo se engadiron Mafecco e Selmark. O cargo de presidente desta asociación rota entre os distintos membros: José Fernández Valencia (Unicén, 1991-1996), Ramón Lavandeira Muiños (Caramelo, 1996-1998); dende 1998 está presidida por Adolfo Domínguez. O seu fin prioritario é o fomento e desenvolvemento das actividades a prol do sector téxtil e da confección de Galicia, así como a representación, defensa e promoción dos intereses profesionais, sociais e culturais dos seus asociados, incluíndo a organización dun constante labor formativo e de promoción profesional dos seus afiliados. Neste sentido, a ATG exerce un labor de apoio na dinamización do sector apoiando as marcas dos distintos deseñadores mediante desfiles, conferencias e certames de moda (Moda Gallega), campañas de publicidade e promoción conxunta dos afiliados como son as reportaxes aparecidas en publicacións tanto nacionais como internacionais (L’Uomo Vogue, Le Figaro Magazine, GQ, Vogue Italia, etc), elaboración dun CD-ROM co fin de divulgar o sector téxtil de Galicia, amais dun circuíto de presentación da moda galega nas principais cidades do mundo (Exposición Mundial de Lisboa, Semana do Prét a Porter de París). O apoio ao comercio exterior maniféstase na asistencia a feiras internacionais e mercados exteriores para a internacionalización de empresas de confección; de feito a ATG foi a promotora do primeiro consorcio de exportación téxtil en Galicia. Así mesmo, presta servicios de asesoría legal, financeira e laboral de cara á creación de coooperativas ou sociedades de formación que xeren emprego, e exerce accións de formación dirixidas tanto a traballadores en activo, co fin de mellorar a súa cualificación profesional cara ao sector, como a persoas sen coñecementos no sector. Destaca tamén a súa promoción de innovación tecnolóxica e implantación de novas tecnoloxías como soporte á industria da confección. A ATG acadou a medalla de bronce outorgada pola Xunta de Galicia en 1994 e o Premio Gallego do Ano 1998, concedido polo Club de Periodistas de Madrid aos creadores da moda galega representados na asociación.