Asociación Protectora en Buenos Aires de la Real Academia Gallega
Institución fundada no ano 1919 na cidade de Bos Aires, e que tiña como obxectivo sustentar economicamente á Real Academia Gallega, ao mesmo tempo que difundir as súas iniciativas na República Arxentina. Esta asociación tivo a súa orixe en 1908, cando a Asociación Iniciadora y Protectora da Academia Gallega na Habana nomeou unha delegación en Bos Aires, que no sucesivo se amosaría case inexistente; estes académicos na Arxentina tiveron como única actividade a promoción dunha suscrición popular para a construción do monumento a Curros Enríquez na Coruña. En 1919, a Real Academia Gallega enviou a Xulio Dávila coa intención de unir as iniciativas existentes en Bos Aires a prol da Academia. Xulio Dávila solicitoulle apoio económico á Casa de Galicia da capital, acordando esta ofrecer unha achega anual de 500 pesetas, ao mesmo tempo que permitía a constitución dunha comisión autónoma da Academia nas súas dependencias. Poucos días despois constituíuse oficialmente a Asociación, sendo o seu primeiro secretario Rodolfo Prada. Á parte da mencionada Casa de Galicia, contaba como socios protectores co Centro Gallego de Bos Aires, o Banco de Galicia, o Centro Gallego de Avellaneda e o Banco de Buenos Aires. Entre 1923 e 1925, a crise financeira da illa de Cuba paralizou unha das principais achegas económicas coas que contaba a Real Academia Gallega. A asociación de Bos Aires fixo continuos esforzos de propaganda para suplir esta carencia de fondos, xogando un papel fundamental como substituta da súa homónima da Habana. Así a Asociación Protectora na Arxentina achegou case a metade dos fondos recadados para a Real Academia Gallega en 1923. Os problemas para esta asociación comezan no 1921, cando o Centro Gallego de Bos Aires se dá de baixa. En 1924, con motivo da desaparición da Casa de Galicia, comezaron os problemas económicos da protectora bonaerense, ao desaparecer con ela as súas 500 pesetas anuais. En 1926 a asociación disolveuse irremediablemente, ao pechar o Hogar Gallego, fundado en 1924. O apoio ofrecido por parte da Asociación Protectora en Bos Aires, tanto á Real Academia como a moitos líderes galeguistas, foi fundamental para o posterior desenvolvemento do movemento nacionalista na propia Galicia.