Asociación Profesional do Teatro Galego
Plataforma creada en 1980 polas compañías profesionais, despois da celebración dunhas xornadas de traballo en Sada (24-26 de outubro), que tiveron o seu precedente nas mesas de traballo celebradas en Ribadavia co gallo da Mostra de Teatro. Presidida por Eduardo Alonso, á fronte dunha dirección colexiada, a asociación situou entre os seus obxectivos prioritarios os relacionados coa defensa dos intereses profesionais dos traballadores do teatro galego e coa promoción da actividade teatral en moi diversos ámbitos, tempos e espacios. Logo de presentar un interesante programa de traballo recollido na revista Don Saturio nº 2 (1981), a asociación foi esmorecendo debido ao escaso eco institucional das súas propostas e ás diferencias entre os seus asociados.