Balcánicas, Guerras
Conflitos bélicos que tiveron lugar na Península Balcánica entre 1912 e 1913, derivados dunha situación explosiva, arrastrada desde o s XIX e que tivo as súas orixes por unha banda, nos problemas do decadente Imperio Otomano e por outra, nas ambicións de Austria-Hungría, Rusia e Italia por expansionarse na península e crear zonas de influencia, fronte ás aspiracións nacionais dos pobos eslavos. En 1912, serbios e búlgaros (aspirantes a crear a Gran Serbia e a Gran Bulgaria), aliados con Grecia e Montenegro, conformaron a Primeira Liga Balcánica e declararon a guerra a Turquía, dando lugar á Primeira Guerra Balcánica (outubro 1912-marzo 1913). Turquía é derrotada e no Tratado de Londres (maio 1913) estableceuse o seguinte reparto territorial: Grecia incorporou o sur de Macedonia, Salónica e Creta; Serbia o norte de Macedonia; Bulgaria obtivo Tracia; Montenegro conseguiu unha porción do Sandžck e Albania accedeu á independencia. Pronto xurdiron desavinzas entre os vencedores que deron lugar á conformación da Segunda Liga Balcánica formada por Serbia, Romanía, Grecia, Montenegro e Turquía, que declararon a guerra a Bulgaria, producíndose a Segunda Guerra Balcánica, na que Bulgaria resultou derrotada. O Tratado de Bucarest (agosto 1913) estableceu un novo reparto: Bulgaria perdeu Macedonia e a Dobruxa (anexionada por Romanía); Creta pasou definitivamente a Grecia; Turquía recuperou territorios cedidos anteriormente a Bulgaria e Serbia incrementou a súa superficie nun 30%. Rematada a Segunda Guerra, a situación seguiu sendo de descontento xeneralizado, sobre todo en Serbia, que non logrou o acceso ao Mar Adriático pola oposición de Austria-Hungría. A tensión entre ambos estados será un dos elementos fundamentais no proceso desencadeante da Primeira Guerra Mundial.