Balcáns,
Serra de dobramento terciario da Europa sudoriental que forma parte do sistema alpino. Comeza nas costas do Mar Negro; ao longo de máis de 300 km as súas estruturas presentan unha dirección L-O, e serven de fronteira entre Bulgaria e Iugoslavia chegando ata o Danubio ao paso das Portas de Ferro, onde se enlazan cos Alpes de Transilvania. Os cumios máis altos son o Midzur (2.168 m), o Vezen (2.198 m) e o Botev (2.376 m). A rexión dos Balcáns está moi pouco poboada, agás algunhas cuncas e vales amplos apropiados para o establecemento humano. Os Balcáns son ricos en recursos minerais, deles extráese: cobre, ferro, zinc, chumbo e carbón. Son moi coñecidas tamén as súas fontes termais. Ao S dos Balcáns e paralelamente esténdense os Antibalcáns ou Sredna Gora.