Balcáns, Os

Balcáns, Os

Nome con que se coñece o conxunto de países da Europa sudoriental e a rexión que ocupan (rexión Balcánica).
Xeografía
A noción unitaria dos Balcáns non se desenvolveu ata o s XIX. O concepto de Península Balcánica, creado polo xeógrafo alemán Zeune por analoxía coas Penínsulas Ibérica e Itálica, a partir dos montes Balcáns, estendeuse ao conxunto dos territorios do S do Danubio, o Sava e o Kupa. Desde un punto de vista político abrangue os actuais estados de Albania, Bulgaria, Grecia, Eslovenia, Croacia, Bosnia-Herzegovina, Iugoslavia, Macedonia, a Turquía europea e tamén Romanía, debido aos seus vencellos históricos e culturais, se ben non pertence á península. É unha rexión montañosa, prolongación do sistema alpino, que está constituída polas cadeas Dináricas, os montes Balcáns, o Rodope e o Pindo, que alternan con cuncas interiores que durante o Terciario estiveron ocupadas por lagos. O clima é continental nas cuncas gregas do interior, en Macedonia e nas chairas búlgaras, e mediterráneo no litoral adriático, na costa e nas illas gregas. O medio físico, moi accidentado, favoreceu o illamento das colectividades, especialmente nas rexións interiores, onde se atopan as poboacións máis antigas. Dentro do contexto europeo, a proporción de poboación rural é especialmente alta e, aínda que existen diferencias rexionais acusadas e os recursos naturais son abundantes, o grao de desenvolvemento dos Balcáns é baixo. No tocante aos aspectos humanos, os indicadores demográficos amosan unha gran heteroxeneidade no interior do conxunto balcánico, cunhas diverxencias asentadas fundamentalmente en factores históricos e culturais, ou mesmo nalgúns casos e en determinados aspectos, como acontece cos estados que constituíron Iugoslavia ata 1991, na conxuntura provocada polos conflitos xurdidos no seu proceso de desintegración. Deste xeito, no que respecta ás densidades de poboación, pódese apreciar en conxunto unha certa homoxeneidade, con valores entre os 72 e os 80 h/km2 na maioría dos estados; as excepcións a esta norma xustifícanse ben pola acollida de poboación refuxiada, como nos casos de Iugoslavia (especialmente Serbia) e Albania, ou no caso turco pola reducida dimensión do seu territorio balcánico e a presenza no seu interior de gran parte da aglomeración urbana de Istambul. En canto ao comportamento vexetativo, as diferencias veñen marcadas principalmente pola adscrición confesional da poboación, resultando os países de maioría musulmá os que rexistran as taxas de natalidade máis elevadas (Albania e Turquía); a importante minoría de confesión islámica en Macedonia (30%) contribúe a elevar a súa taxa, mentres que, pola contra, en Bosnia-Herzegovina (43% da poboación), este factor non abonda para superar as dificultades derivadas do conflito armado sufrido nese territorio na década de 1990. As diferencias nas taxas de mortalidade responden a un abano máis amplo de motivos, dos que se poden excluír os relixiosos, pois non parece que poidan incidir neste aspecto: os que si teñen maior incidencia, ademais da situación de inestabilidade política das áreas inmersas en conflitos bélicos (e a conseguinte precariedade dos servicios asistenciais e das condicións de vida en xeral), son os derivados do grao de desenvolvemento económico ou da estrutura por idades da poboación, feito este último que pode explicar a relativamente elevada taxa de mortalidade grega, cunha poboación máis avellentada. En canto ao grao de desenvolvemento socioeconómico, só Eslovenia e Grecia destacan por riba dunha media que sitúa á Península Balcánica como unha área inmersa no límite entre o desenvolvemento medio e alto. Pola contra, e sen que se poida dispoñer dos datos de Bosnia-Herzegovina e Iugoslavia, Albania é o país que ocupa unha peor posición, non só na rexión, senón en todo o continente europeo. A partir da década de 1960 en moitos dos países entón socialistas tivo lugar unha certa industrialización. En Albania, Turquía e Romanía a agricultura continúa sendo a actividade predominante en canto a emprego, aínda que no caso turco a realidade do seu territorio europeo amósase enmascarada polas cifras globais do estado. Pola contra, no conxunto dos países balcánicos as actividades terciarias son as principais en canto á ocupación: só en Bosnia-Herzegovina e en Macedonia, ambas as dúas repúblicas exiugoslavas inmersas nunha situación política inestable, o sector secundario sitúase en cifras lixeiramente superiores. No referente á produción nacional, só en Albania a primaria é a principal, con case que os dous tercios do total. En Bulgaria e Iugoslavia, o sector secundario aínda mantén a hexemonía na produción final. No resto dos estados é o sector terciario o que achega a maior parte, destacando Grecia, Croacia e Eslovenia, nos que se sitúa en torno aos dous tercios. Os grupos humanos que habitan nesta rexión son os dináricos, que predominan no N e no O, e o mediterráneo situado ao S. O feito de ser un punto de encontro entre Oriente e Occidente fixo dos Balcáns un espazo de enorme diversidade étnica, cultural e relixiosa. Froito desta situación é a complexidade política e social dunha área tradicionalmente conflitiva no contorno europeo. As correntes culturais que confluíron na área balcánica deixaron unha gran diversidade relixiosa. A cristianización dos diversos pobos asentados nos Balcáns enmárcase na oposición entre Roma e Bizancio. O Catolicismo predomina en Eslovenia, Istria, Croacia, Eslavonia, Dalmacia, a Baixa Herzegovina, e o N de Albania; a Ortodoxa en Grecia, Serbia, parte de Bosnia, a Alta Herzegovina, Macedonia, Bulgaria, e o S de Albania. En Romanía a Ortodoxa é a dominante en Valaquia e en Moldavia estase revitalizando co rito bizantino ou latino, mentres que en Transilvania atópase o único núcleo protestante importante da área. O Islam, arraigado nos Balcáns como consecuencia da conquista turca, é a relixión da maior parte dos albaneses, e dunha parte dos bosnios, dos búlgaros (pomaks) e dos romaneses (megleníticos). Todos estes factores determinaron a concreción dos principais grupos étnicos seguintes: gregos, búlgaros, macedonios, serbios e montenegrinos, croatas, bosnios, eslovenos, romaneses e albaneses. O poboamento da Península Balcánica é predominantemente rural.
Historia
Existen dúas vías de penetración humana cara aos Balcáns: cruzando o estreito dos Dardanelos ou transcorrendo pola beira setentrional do Mar Negro. A evidencia máis antiga de presenza humana na rexión, que procede do val do Tetoiu (Romanía), onde se localizaron os xacementos plioplistocénicos de Dealul, non achega ningunha proba sobre esa cuestión. Aínda que non é posible afirmar que esa presenza foi duradeira e permanente ata a actualidade, o xacemento croata de Stransska-Skala, situado inmediatamente por riba do cambio de polaridade Brunhes-Matuyama (730.000 BP), demostra que no Plistoceno medio inicial existían poboacións humanas nos Balcáns. Entre o 40.000 e o 35.000 aparece o Auriñacense (Bacho-Kiro), un complexo tecnolóxico introducido por un novo tipo humano, o Homo sapiens, que se manifesta moi homoxeneamente dende os Balcáns ata a Península Ibérica. Durante o Neolítico e as primeiras idades dos metais foron a vía de introdución no terreo europeo dos avances do Oriente Próximo. Os primeiros asentamentos neolíticos arredor do 6000 a C en Grecia, o 5000 a C en Bulgaria e o 4700 a C en Serbia e Croacia, coas primeiras mostras de cerámica, útiles de pedra puída e domesticación de animais e plantas. A etapa neolítica de Starčevo, unha das fontes da colonización agrícola da zona danubiana, é contemporánea ás de Raranovo (Bulgaria), Körös (sur de Hungría) e Cris (Romanía). A actividade metalúrxica iníciase ao redor do 4000 a C, uns 1000 anos antes que no Exeo, dando conta do uso temperán do metal nos Balcáns. Nos primeiros séculos do primeiro milenio a C a Península Helénica deveu un caso á parte, caracterizado por unha evolución propia moi acelerada. No N de Grecia os pobos máis destacados foron o macedonio (incorporado despois ao devir de Grecia), o tracio, o ilirio e a partir do s IV a C o celta. Os romanos chegaron á rexión no s II a C. Ao producirse a división do Imperio no ano 395, o territorio correspondente ao que sería Serbia, Montenegro e o norte de Albania quedou integrado na órbita de Constantinopla; mentres o que ocuparían Bosnia, Croacia e Eslovenia seguiu baixo control de Roma. A gran corrente inmigratoria eslava que tivo lugar entre os ss VI-X mudou a composición étnica da península. Baixo a denominación xeral de eslavos do sur establecéronse catro grandes grupos con características propias: croatas (católicos, con dialecto serbocroata e dentro da área de influencia do mundo xermano); eslovenos (católicos, serbocroatófonos e tamén relacionados co mundo xermano e latino); serbios (cristiáns ortodoxos, serbocroatófonos e na órbita bizantina) e búlgaros (cristiáns ortodoxos, con dialecto búlgaro-macedonio, e tamén baixo influencia do Imperio de Oriente). O proceso de feudalización en Occidente e o decaemento de Bizancio favoreceu a formación dos primeiros estados balcánicos. Os búlgaros formaron o seu primeiro estado no s VII, practicando unha política de expansión nos ss IX e X, que causou grandes dificultades ao Imperio Bizantino. No s XII reconstruíuse un novo Imperio Búlgaro, que pereceu a mans dos mongois. Os serbios constituíron un estado baixo a monarquía Rasacie (s IX), que acadou o máximo poder baixo o reinado de Estevo Dušan (1331-1355). Os croatas organizaron o seu propio estado a finais do oitocentos e alcanzaron o seu apoxeo baixo o reinado de Tomislav (911-928). Os eslovenos permaneceron desde o s VIII en feudos baixo o dominio dos señores xermánicos. Cara a mediados do s XIV os turcos otomanos comezaron a cercar o Imperio Bizantino coa conquista dos Balcáns. Trala Batalla de Kosovo (1389) Serbia e máis tarde Bulgaria (1396) recoñecen a soberanía otomana; na época dos sultáns Murad II (1421-1451) e Mehmet II (1451-1481) Bosnia e Herzegovina foron sometidas e convertidas en provincias. As poboacións romanesas, que constituíran os principados de Moldavia e Valaquia, pasaron a mans turcas a partir de 1523, quedando toda a rexión balcánica sometida ao dominio turco, agás Montenegro e a República de Ragusa, na costa adriática, que puideron liberarse da suxección real grazas a unha submisión nominal ou á alianza veneciana. Despois de Solimán II o Magnífico (1520-1566) o poder turco principiou o declive, e a finais do s XVIII permitiu a formación de feudos (paşaliklar) practicamente independentes e, durante o s XIX, a secesión das rexións da súa periferia, que participaron así mesmo das correntes nacionalistas que recorren Europa neste século. A debilidade otomana, a independencia grega (1829) e a autonomía alcanzada polos serbios levou a Rusia, Austria e Prusia (e máis tarde Alemaña) a unha intervención constante na zona; a denominada “cuestión de Oriente” condicionou a política internacional, sobre todo desde a Guerra de Crimea ata a Primeira Guerra Mundial, e tivo a serbios, búlgaros, macedonios, etc como protagonistas dun convulsionado período de conflitos. As guerras balcánicas (1912-1913) e a subseguinte Guerra Mundial puxeron fin definitivamente aos dominios otomano e austrohúngaro nos Balcáns. A guerra significou a derrota de Bulgaria, o crecemento territorial de Romanía e a unión de Bosnia-Herzegovina, Dalmacia, Eslovenia, Croacia, Eslavonia e as rexións de Banato e Batchka con Serbia e Montenegro para formar o reino dos serbios, croatas e eslovenos, que recibiría o nome de Iugoslavia. O período 1933-1945 caracterizouse nos Balcáns pola penetración de Alemaña nos eidos económico, político e estratéxico, influencia que Gran Bretaña toleraba agás en Grecia, esixindo como contrapartida a colaboración no illamento da URSS e a renuncia a toda aspiración alemá no Oriente Próximo. O Pacto dos Balcáns de 1934, firmado por Iugoslavia, Turquía, Grecia e Romanía, intentaba unir os países mediante un acordo de non agresión e garantir así as fronteiras balcánicas, pero non consigue paliar a tensión na zona. Na Segunda Guerra Mundial, Romanía e Bulgaria participaron ao carón de Alemaña; Grecia, atacada por Italia en 1940, e os resistentes de Iugoslavia, ocupada por Alemaña en 1941, loitaron a prol dos aliados. A fin da guerra produciu novos cambios territoriais e traslados de poboación sen precedentes. A característica política fundamental nos Balcáns despois da Segunda Guerra Mundial foi, por unha banda, a constitución de democracias populares (Albania, Bulgaria, Romanía e Iugoslavia), e pola outra o mantemento do réxime capitalista en Turquía e Grecia. Os estados socialistas balcánicos experimentaron entre 1945 e 1990 unha evolución diversificada: Bulgaria foi a que máis fielmente seguiu as directrices da Unión Soviética. Nicolao Ceauceşcu implantou en Romanía un réxime personalista baseado nunha dura represión. Na Iugoslavia socialista, o Mariscal Tito foi quen de manter unido un estado constituído polas repúblicas de Serbia, Croacia, Eslovenia, Montenegro, Macedonia e Bosnia, caracterizado pola heteroxeneidade da súa poboación, ao tempo que se afastaba do dirixismo da URSS e militaba no bando dos Países Non Aliñados, mesmo dende a súa Presidencia. Por último, Enver Hoxha tentou construír un estado case autárquico en Albania que revelou graves deficiencias: cando rompeu o seu illamento, era o estado máis pobre de Europa. Durante a Guerra Fría a zona balcánica converteuse nun centro de tensión entre os dous bloques. En 1947 os EE UU aplicaron a ‘Doutrina Truman’ de axuda militar e económica a Grecia e Turquía para previr unha posible expansión dos réximes socialistas da zona. No mesmo ano estes dous países foron incluídos no Plan Marshall, e máis tarde foron admitidos como membros da OTAN. En 1954 firmouse un 2º Pacto dos Balcáns entre Iugoslavia, Grecia e Turquía que resultou novamente inoperante a causa dos numerosos conflitos territoriais. A comezos da década do 1990 o afundimento da URSS e dos réximes socialistas da Europa do Leste volveu producir perturbacións nos Balcáns. Á grave crise económica e a inestabilidade política que sucedeu á ruptura brusca co sistema anterior sumouse a desintegración territorial da Iugoslavia socialista en diversos estados. Neste proceso enfrontáronse, por unha banda, as tendencias centrífugas das repúblicas de Eslovenia, Croacia, Macedonia e Bosnia-Herzegovina, e Serbia pola outra. Serbia, co apoio de Montenegro, pretendía conservar a anterior estrutura do estado asumindo un papel directivo sobre as outras repúblicas. Estas tensións desembocaron a mediados do 1991 nunha guerra. En xuño Croacia e Eslovenia proclamáronse independentes, igual que farían en novembro do 1991 e marzo do 1992, respectivamente, Macedonia e Bosnia-Herzegovina. Pola súa banda, Serbia constituíu xuntamente con Montenegro a República Federal de Iugoslavia en abril do 1992. A guerra enfrontou non só a unhas repúblicas contra outras, senón a poboacións do interior das mesmas repúblicas. O lugar onde estes enfrontamentos foron máis virulentos foi Bosnia-Herzegovina, onde serbios, croatas e musulmáns comezaron a principios do 1992 un conflito bélico que en moitas ocasións adquiriu trazos de xenocidio. Tralos acordos de Dayton (21 de setembro de 1995), Bosnia-Herzegovina dividiuse en dúas entidades autónomas, mantendo a integridade e soberanía da república: a Federación Croata Musulmana e a República Serbia. Para manter a paz as Nacións Unidas despregaron as tropas da SFOR (forza de estabilización), e estableceron de facto un réxime de tutela internacional. Por outra banda, a independencia de Macedonia produciu unha forte tensión con Grecia, que consideraba o novo estado unha ameaza de secesión por parte da homónima provincia grega. As relacións ruso-romanesas tamén entraron nunha fase tensa a partir da proclamación da independencia de Moldavia (28 de agosto de 1991), antiga república da Unión Soviética de maioría romanesa pero cunha importante colonia rusa. En febreiro de 1998 un novo agromo de inestabilidade xurdiu en Kosovo, territorio disputado entre Serbia e Albania, loitando os musulmáns de etnia albanesa (un 90% da poboación) pola súa independencia. A autonomía de que gozaba a provincia de Kosovo no estado iugoslavo socialista suprimírase na primavera de 1989. O fracaso da estratexia de resistencia pacífica albanesa deu paso a partir de 1996 a un crecente protagonismo das accións terroristas, contestadas polo goberno de Milosevič cunha cruenta represión. A situación agravouse en 1998 e 1999, cando se rexistraron episodios de limpeza étnica que provocaron a intervención militar da OTAN, por mandato das Nacións Unidas (Guerra de Kosovo, 24.3.1999-9.6.1999). Durante a guerra, a OTAN bombardeou Belgrado e outras cidades serbias. Tralo cesamento do fogo estableceuse en Kosovo unha forza de protección internacional (KFOR) co obxectivo de manter a convivencia interétnica.