Balconio

Balconio

Bispo metropolitano da sé bracarense e primado de Galicia durante o reinado dos suevos Hermerico e Requila. Estivo ao mando da arquidiócese de Braga polo menos entre os anos 415 e 448, xa que no 415 o presbítero Avito envioulle dende Xerusalén parte das reliquias de santo Estevo que se acababan de descubrir e no 448 presidiu os Concilios celebrados en Braga nos anos 447 e 448. Durante este tempo procurou atraer aos suevos, gañando a súa confianza, ata o punto de que os bracarenses chegaron a considerarse máis felices baixo o dominio xermánico que co anterior romano, segundo nos relata Orosio. Non obstante , tivo serios problemas coas herexías priscilianista e orixenista, fortemente arraigadas na poboación galega, especialmente trala execución en Tréveris (Trier) de Prisciliano. Ante esta situación adoptou unha postura transixente e paternal cos seus fregueses, sendo moito máis partidario da acción pastoral que das enérxicas medidas legais que pretendía levar a cabo o Concilio de Toledo do ano 400 e preferiu convencer e persuadir antes que castigar. Por iso, foi considerado demasiado brando por outros bispos contemporáneos. Así mesmo, era partidario da formación do seu clero, como proba o feito de que enviara a Roma e Xerusalén aos seus presbíteros (os chamados avitos) para contactar coas máis importantes autoridades eclesiásticas en materia de ortodoxia como Agostiño e Xerome. Balconio buscaba a convicción sincera dos candidatos ao presbiterado e a súa formación cultural para poder así convencer e apartar do erro herético os seus futuros fregueses. Na súa relación cos suevos mostrouse dende o principio acolledor, considerándoos como suxeitos de posible conversión cristiá. De feito foi Balconio quen, atraendo a varios mozos da nobreza sueva ao Cristianismo, e irmandándoos con outros nobres galaicos, conseguiu converter á fe cristiá ao futuro Rei dos suevos, Requiario, no ano 448.