Baleas e baleas
Poemario publicado por Luisa Castro Legazpi no ano 1988, polo que recibiu o accésit do VII Premio Esquío de poesía. O discurso poético caracterízase por un ton irreverente, que transgrede tanto a tradición da que procede como a propia materia poetizada, dentro dunha certa estética do malditismo na liña de Baudelaire, Artaud e Leopoldo María Panero. Sucédense os contrastes entre a cotidianeidade e o mito clásico, e a alternancia entre un rexistro expresivo coloquial e outro máis formalizado. Apréciase tamén o influxo das vangardas, das que toma a libre asociación de imaxes como técnica expresiva para enlazar argumentos. Estruturalmente dividida en catro partes (Derradeira viaxe en bicicleta de nevermore, Os ventres das baleas, Sete poemas sobre leóns e Preguntou insistentemente Isolda), a unidade da obra conséguese mediante o emprego dunha serie de constantes temáticas e formais na composición dos poemas, o que permite unha interpretación de conxunto. O fío narrativo da obra vese reforzado co emprego da perspectiva dun “eu” lírico predominantemente feminino, dirixido a diferentes “ti” e coa aparición dunha serie de temas recorrentes amodo de símbolos que, para Carme Blanco, xiran ao redor das parellas da prohibición/transgresión, represión/ realización, temor/pracer e crueza/tenrura. Estes trazos maniféstanse ao longo dos poemas, unificando as concrecións temáticas de cada unha das catro partes da obra. En Derradeira viaxe a nevermore a voz corresponde a un mariño que se dirixe a un “ti” ausente no curso dunha viaxe contra a que se rebela, opoñéndose, deste xeito, á mitificación da imaxe do mariño. Os ventres das baleas adopta a perspectiva dun eu lírico feminino que plasma a súa nenez e adolescencia, marcadas por unha rebeldía fronte aos tabús e as prohibicións, cercana ao modelo de enfant terrible. Sete poemas sobre leóns xira ao redor do tema da frustración e castración da loita pola vida, retomando motivos das dúas partes precedentes e, por último, Preguntou insistentemente Isolda, supón unha volta ao intimismo da voz feminina da segunda parte, que se interroga, alternando sentimentos e reaccións, sobre temas constantes na tradición literaria, como son o amor, a soidade, a nostalxia ou a creación poética.