Bali

Bali

Illa e provincia de Indonesia (5.561 km2; 2.902.200 h [estim 1995]). A súa capital é Denpasar. Está separada da illa de Xava polo estreito de Bali e da illa de Lombok polo estreito do mesmo nome. Os seus recursos económicos principais son a agricultura e a gandería. No s X estableceuse unha dinastía independente de Xava. A mediados do s XIV a illa foi sometida polo Reino xavanés de Majapahit. Ao contrario que Xava, Bali non adoptou o Islam e permaneceu hinduísta. Cando o Reino de Majapahit esmoreceu (s XV), Bali converteuse en refuxio de moitos xavaneses non conformes coa doutrina islámica. A Compañía Neerlandesa das Indias Orientais, atraída polo tráfico de escravos, empezou a tomar posesión da illa, pouco a pouco, ata alcanzar a súa ocupación total no ano 1908. En 1949, a illa entrou a formar parte do estado holandés de Indonesia Oriental, e no ano 1950 pasaría a formar parte da República de Indonesia.