Baliño Rivas, Juan
Escultor. Tamén se coñece co pseudónimo de Antonio Rivas. Iniciouse na escultura da man do seu pai, con quen colaborou en 1880 na restauración das esculturas de Santa María da Coruña. Viaxou a Montevideo, onde descubriu o traballo en mármore, e a Italia, onde se relacionou con Benlliure e Palmarola. De regreso a España instalouse en Madrid e comezou a súa colaboración con Antonio Palacios. Establecido definitivamente en Vigo, foi profesor de escultura e debuxo na Escola de Artes e Oficios. Con Palacios colaborou no pazo do Marqués de Cubas (Madrid), realizou a escalinata e a balaustrada do Hotel Balneario de Mondariz (hoxe en ruínas) e as mans e a cara da Virxe da Rocha (Baiona). No cemiterio de Pereiró (Vigo) esculpiu o mausoleo de Domingo Ledo Villa e o busto de Concepción Arenal no monumento funerario situado á entrada do camposanto. Traballou tamén na antiga igrexa dos xesuítas de Vigo e en diversas igrexas da Coruña, cidade na que se conservan esculturas súas expostas en xardíns públicos. Gañou diversas medallas de ouro, entre as que salientan a recibida polos seus traballos de escultura do certame celebrado en Lugo o 17.8.1895 e a da Exposición Rexional de Pontevedra do 9.10.1896 polo altorrelevo do busto de Concepción Arenal.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Estrada -
Deceso
Lugar : Vigo