baliza

baliza

(

  1. s f

    Marca ou sinal que advirte da existencia dun límite.

  2. s f [AERON]

    Sinal, visible ou invisible, que marca unha ruta aérea ou define as áreas de estacionamento, manobra e aterraxe ou calquera outra circunstancia que aconteza nun aeroporto. Son balizas, por exemplo, os radiofaros, as radiobalizas, as balizas de obstáculos (indicadores do perigo por obstrución de pistas) e as balizas luminosas, que consisten nunha sucesión de luces antinéboa dispostas de xeito que o conxunto resulta visible unicamente na forma establecida cando o avión se aproxima na dirección axeitada.

  3. s f [COMUN]

    Sinal que porta unha fonte de luz ou un sistema catadióptico que se coloca á beira dunha estrada, a carón dun accidente ou dun perigo, co obxecto de sinalizalos.

  4. s f [MAR]

    Sinal fixo ou flotante, que serve para advertir dun perigo ou dunha rede, ou para marcar as características da zona pola que navega unha embarcación (balizamento). As balizas, que poden estar constituídas por simples boias fondeadas (balizas flotantes), poden emitir tamén sinais acústicos, ópticos ou radioeléctricos, recibindo o nome, respectivamente, de balizas acústicas, luminosas e radioeléctricas. Outro tipo son as balizas radar, especialmente concibidas para reflectir o sinal radar que incide nela; empréganse para coñecer con precisión as condicións meteorolóxicas dunha zona determinada (sistema Argos) e facer un seguimento dos barcos para determinar rapidamente a posición dun posible naufraxio (sistema Sarsat-Cospas)

Palabras veciñas

balístido | balistita | balistocardiografía | baliza | balizamento | balizar | balkar