Balla, Giacomo
Pintor italiano. Iniciouse na pintura a través da arte académica, aínda que despois dunha estancia en París volveu a Italia convencido das virtudes da coloración impresionista e divisionista, e disposto a resolver os problemas da luz e da cor. Nas súas primeiras obras interesouse polo mundo dos obreiros e dos marxinados (A xornada do obreiro, 1904 e A tola, 1905). Asinou o Manifesto futurista (1910) con Boccioni, Severini, Carrá e Russolo. A súa primeira obra futurista importante data do ano 1912 (O paseo dun can amarrado), onde consegue o movemento pintando as fases sucesivas do camiñar. A súa arte aproxímase á abstracción e evita a barreira do Cubismo. Entre 1911 e 1912 preocupouse polo tema do movemento (Rapaza que corre polo balcón e Velocidade do automóbil). Co ciclo das Demostracións intervencionistas (1915), púxolle fin á súa época futurista e iniciou un novo período tralo manifesto da Reconstrución futurista do universo asinado con Depero (1915). Investigou con diferentes materiais como o bronce: Liña de velocidade + paisaxe (1914). A partir de 1930 retornou aos temas figurativos (paisaxes, cidades, retratos, etc).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Turín -
Deceso
Lugar : Roma