Ballets Rusos
Compañía de ballet creada por Sergej Pavlovič D’agilev (ou Serge de Diaghilev) en 1909, ano no que se presentou en París, no Théâtre du Châtelet. Ademais de supoñer o inicio da danza moderna, procurando a combinación ou o forte contraste entre tradición e vangarda, as propostas escénicas desta compañía contribuíron a mostrar novos camiños para a integración harmónica na posta en escena dos diferentes medios de expresión tanto escénicos como plásticos. A súa transcendencia artística foi considerable, pois desde un primeiro momento Diaghilev contou coas achegas musicais ou coa colaboración de compositores como Nicolaj Aleksejevič, Rimskij-Korsakov, Maurice Ravel, Manuel de Falla ou Sergej Sergejevič Prokof’ev; de pintores como Pablo Picasso, Joan Miró, Georges Braque, Henri Matisse ou Max Ernst, amais dun corpo de baile no que destacaban Anna Matfejevna Pavlova, Aleksandra Danilova ou Vaslav Nižinskij. Entre as moitas achegas desta compañía, que dominou a escena mundial entre 1909 e 1929, cómpre sinalar a procura permanente da interacción escénica entre as diferentes artes. Esta mesma teima foi a que levou a Castelao a tentar deseñar un Teatro da Arte en Galicia tal e como se reflicte nas “Indicacións” que acompañan a súa peza Os vellos non deben de namorarse (1953). Malia que non existen testemuñas directas que informen da presenza do escritor de Rianxo nalgunha función desta compañía, a referencia aos bailes rusos, incluída no seu Diario 1921, e o coñecemento que tiña da traxectoria de Diaghilev, xustifican a posible influencia dos Ballets Rusos na procura dunha síntese artística que define o ideario escénico de Castelao.