Balmaseda
Municipio do territorio de Bizkaia, Euskadi, localizado no val alto do Kadagua, nas Encartaciones (7.226 h [1996]). Constitúe un centro administrativo, comercial e industrial, destacando neste último sector as producións de papel, de mobles e de metalurxia. Balmaseda foi a primeira vila fundada en Bizkaia, pois a súa Carta de Poboamento ten data do 24 de xaneiro de 1199, cando don Lope Sánchez de Mena, señor de Bortedo, lles outorgou aos seus veciños o Fuero de Logroño. A súa situación no Camiño Real que comunicaba a Meseta e o Cantábrico permitiulle consolidar o seu mercado. Durante os ss XIV e XV tivo importantes depósitos de panos, así como unha aduana que despachaba a maioría das las cara a Flandres e Inglaterra. A apertura do camiño de Orduña en 1768 desviou o tránsito e supuxo o comezo dunha etapa de declive que se prolongou ata finais do s XIX, coa chegada do ferrocarril. A estrutura urbana de Balmaseda configurouse á beira dos tres camiños que confluían no lugar. O antigo castelo do Polo foi derrubado canda as murallas, en 1840, para permitir a expansión urbana. Entre o seu patrimonio cultural destacan a ponte do s XIV, as igrexas góticas de San Juan del Moral e a de San Severino (a única da vila aínda aberta ao culto), ambas do s XV e con aditamentos barrocos, e o convento de Santa Clara (1643-1675), abandonado pola congregación en 1985 e transformado en establecemento hoteleiro.