balneario -ria
(< lat balneārĭu‘relativo ó baño’)
-
adx
Relativo ou pertencente aos baños, especialmente aos medicinais.
Ex: Crearon unha estación balnearia en Mondariz.
Confrontacións: termal. -
s
m
Establecemento de baños ou augas minerais, especialmente medicinais. As propiedades curativas das augas foron descubertas polos romanos pero o costume de ir tomar os baños iniciouse a mediados do s XVIII e alcanzou o seu auxe no s XIX e primeiros anos do s XX. Nos últimos anos asistimos a un renacer das estacións termais e balnearias como establecementos medicinais e turísticos. Algúns balnearios sobrepasaron a súa primitiva función e convertéronse en centros de reunión social onde se daba cita a aristocracia europea do s XIX. Os balnearios destinados a usos terapéuticos teñen unhas instalacións que se axeitan ao tipo de baño elixido, e adoitan ter dependencias que permiten a hospedaxe daqueles que se someten á cura das augas. O establecemento e a actividade dos balnearios están regulados pola lexislación sanitaria que obriga a que sexan dirixidos por un médico especializado. Galicia é unha rexión rica en augas medicinais, existindo xa na época romana establecementos de baños en Lugo, Baños de Molgas, Partovia, Caldas de Reis ou Cuntis. Desde o século XIX os establecementos balnearios experimentaron un auxe continuado pasando dos 13 establecementos existentes en 1850 a 22 en 1925. A Guerra Civil e a posguerra supoñen un declive tamén para os balnearios, que rexurdirán nos anos 90 grazas ao emerxer do turismo alternativo e aos investimentos realizados na reforma das instalacións tanto balnearias como hoteleiras ( termalismo). Pola súa finalidade, son salientables os seguintes balnearios galegos: Acuña, Arnoia, Arteixo, Baños da Brea, Baños de Molgas, Baños Vellos de Carballo, Caldas de Partovia, Caldelas de Tui, Cortegada, Davila, Incio, Lugo, Mondariz, Pardiñas e a Toxa polas súas instalacións hosteleiras e Cabreiroá e Sousas como plantas de envasado. Así mesmo, compre salientar os baños de Loureda (Arteixo), Nosa Señora dos Ánxeles (Brión), San Pedro de Donas (Boqueixón), Augas Férreas (A Cañiza), Laxinias (Catoira), Requeixo (Verín) ou Caldeliñas (Verín); as burgas de Ourense e a burga de Teo, e as augas de mananciais como o de Santa Lucia (O Pino), a Silvarosa (Viveiro) ou de Fontecelta (Sarria) e de Fontenova (Verín).
Ex: Estivo todo o mes no Balneario da Toxa.
Confrontacións: auga. -
s
m
Lugar onde se toman augas medicinais.