2 balseiro -ra
(<2balsa)
-
s
O que conduce unha balsa.
-
s
[HIST]
Nome que reciben os cidadáns cubanos que abandonan a illa caribeña en embarcacións rudimentarias. En moitas ocasións, as súas viaxes rematan en naufraxio por mor da propia precariedade dos botes. A situación de penuria provocada, logo da desaparición da Unión Soviética, polo mantemento do bloqueo comercial decretado polo goberno dos EE UU en 1962, desencadeou no verán de 1994 un éxodo masivo de cubanos que tentaban acadar o litoral do estado de Florida (EE UU) empregando todo tipo de navíos e mesmo balsas construídas con calquera material que puidese flotar. Este episodio orixinou tensións entre os gobernos de Cuba e dos EE UU, que ofrecían asilo político a todos os cubanos que fuxiran da illa. A crise resolveuse parcialmente coa sinatura dun acordo sobre emigración entre ambos os países o 2 de maio de 1995. Con posterioridade a esta data, as viaxes de balseiros cubanos seguíronse a producir nas mesmas precarias circunstancias, malia que xa non como o fenómeno masivo que fora daquela. O caso do neno Elián, que naufragara coa súa nai o 23 de novembro de 1999 e fora acollido pola súa familia do exilio de Florida, foi foco de atención mediática debido ao conflito que provocou entre os EE UU e Cuba, que apoia ao pai do neno que reclama a súa volta á casa paterna. O caso, que chegou a ser tratado no Congreso dos EE UU e na Comisión de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, rematou o 22 de abril do 2000, cando axentes federais rescataron o neno por orde da fiscal xeral dos EE UU.