Baltasar

Baltasar
[ONOM]

Nome asirio Belshazzar que significa ‘que Bel (o deus Baal) protexa o rei’; na Vulgata aparece baixo a forma Baltassar. A lenda di que Baltasar é un dos tres Magos protagonistas da Adoración que máis tarde se transformaría en Rei, segundo narra o evanxelista Mateo. A partir do s IX aparecen os seus nomes no Liber Pontificalis de Ravenna, talvez recollendo unha tradición popular que os ordena e reparte xeograficamente; deste xeito, Baltasar acaba sendo o mago de raza negra que representa a África, namentres que Melchor e Gaspar simbolizarían a Asia e Europa, respectivamente. Hai outro Baltasar no Antigo Testamento, fillo e herdeiro de Nabucodonosor, a quen castigou Iavé coa perda e división do seu reino a mans dos medos e persas logo de profanar nunha orxía os vasos sagrados do templo de Xerusalén.