Bálticos, países
Nome co que se coñece o conxunto de estados da beira meridional do Mar Báltico: Letonia, Estonia e Lituania. Cada un destes países constituíron ata o 1991, data na que proclamaron a súa independencia, repúblicas da Unión Soviética.
Xeografía física
Entre os principais trazos físicos comúns dos países incluídos baixo esta denominación destacan os climáticos. A súa homoxeneidade topográfica, unha fachada litoral máis ou menos extensa que gozou dunhas condicións térmicas algo máis atenuadas fronte ao interior baixo un dominio continental rigoroso, e a súa situación en latitudes elevadas (entre 55°-60°N) outórganlles uns invernos crus caracterizados por temperaturas medias baixo cero (a temperatura media do mes de xaneiro sitúase entre os -7°C-8°C), e uns veráns relativamente suaves, con temperaturas medias no mes de xullo ao redor dos 16°C. As precipitacións sitúanse sobre os 600 mm anuais. En canto ao relevo, a maior parte do territorios destes tres países atópase por baixo dos 200 m, constituíndo unha gran chaira drenada por abundantes ríos que acolle no seu interior moitos pequenos lagos, especialmente na parte oriental.
Xeografía humana e poboación
Os aspectos demográficos reflicten tamén unha grande homoxeneidade: a porcentaxe de poboación urbana e a esperanza de vida ao nacer rexistran valores case que idénticos nos tres países. O comportamento vexetativo amosa lixeiras diferencias, aínda que o saldo é negativo en todos os casos, quedando Lituania na mellor situación do conxunto. Pola contra, a composición étnica da poboación si presenta algúns contrastes: mentres que en Lituania as minorías nacionais non acadan a quinta parte (8,2% de rusos, 7% de polacos, 1,5% de bielorrusos e 1% de ucraínos fronte a un 81,4% de lituanos), as maiorías letona e estoniana acadan só o 55,1% e o 63,9% nos seus respectivos estados. A minoría rusa representa case que un terzo da poboación destes dous últimos países (29% en Estonia e 32,6% en Letonia), froito da política de inmigración implementada pola administración soviética. Despois da independencia, o elemento lingüístico converteuse en fonte de conflito, ao non aceptar unha parte da poboación de orixe rusa o proceso de normalización na administración pública. Ucraínos (2,7% da poboación en Estonia e 2,2% en Letonia) e bielorrusos (1,6% e 4%) constitúen tamén importantes colonias.
Xeografía económica
Os indicadores socioeconómicos volven ofrecer unha uniformidade matizada só en pequenos detalles. Esta uniformidade é doadamente atribuíble á súa pertenza ata 1991 á Unión Soviética e ás inercias que se desprenden deste feito. En canto ao seu grao de desenvolvemento (segundo os datos tirados da aplicación do Indicador de Desenvolvemento Humano), Estonia e Lituania sitúanse no límite do alto desenvolvemento, mentres que Letonia aparece un pouco peor colocada. Noutros indicadores, como por exemplo a distribución do gasto público, a uniformidade, con lixeiros matices, volve ser o trazo máis destacable. En canto ao perfil puramente económico, a distribución sectorial, tanto da poboación activa como da produción nacional, amosa un claro predominio dos servicios nos tres estados.
Historia
Os pobos bálticos teñen a súa orixe en dous grupos étnicos: os ugrofineses, ao que pertencen os estonianos, ingrios e livóns, e os baltos, formados polos lituanos, letóns e prusianos do baixo Vístula. Estes grupos asentáronse entre os ss V-VII, e ata a chegada do Cristianismo no s XIII mantiveron ritos pagáns. A cristianización e a colonización conxunta destas terras foi realizada por alemáns e daneses. A rivalidade entre ambos finalizou en 1225 coa arbitraxe pontificia que repartiu as terras bálticas: o N para os daneses e o S para a orde dos cabaleiros portaespadas como feudo do Rei de Dinamarca. O definitivo control por parte dos alemáns foi posible grazas á chegada dos cabaleiros teutóns (1228), á súa fusión cos cabaleiros portaespadas (1237) e pola venda das provincias danesas á orde teutoa (1346). A rexión quedou baixo o dominio teutón ata 1561 e baixo a hexemonía das clases xermánicas que exercían o poder. Só Lituania formou un reino propio baixo a dinastía dos Xaxelóns. Dende finais do s XVI foron dominados por rusos, suecos e polacos. Tralo terceiro reparto de Polonia (1795) os países bálticos pasaron a pertencer ao Imperio Ruso, formando as provincias bálticas. Durante a Primeira Guerra Mundial foron invadidos por Alemaña e trala disgregación da fronte rusa (1917) e o Tratado de Brest Litovsk (1918) foron totalmente ocupados. Despois do armisticio de 1918 acadaron a independencia e foron evacuados (1919). En 1934 os tres países firmaron un tratado de colaboración conxunta. Tralo tratado xermano-soviético de 1939, foron recoñecidos como parte da zona de influencia da URSS, que os ocupou e os anexionou en 1940. Durante a Segunda Guerra Mundial foron ocupados por Alemaña (1941). Recuperados pola URSS en 1944, dende esta data e ata 1991 constituíron repúblicas socialistas soviéticas. O acentuado sentimento nacional das súas respectivas maiorías étnicas, artellado nuns movementos políticos ben estruturados e dirixidos, provocou que fosen os primeiros países en proclamaren a súa independencia da Unión Soviética (Lituania o 9 de febreiro de 1991 e Letonia e Estonia o 21 de agosto de 1991). Este mesmo feito explica que se manteñan á marxe da Comunidade de Estados Independentes (CEI), organización que agrupa o resto dos estados que xurdiron da desmembración da URSS. Aínda que o seu futuro está moi ligado ás súas relacións con Rusia, manteñen contactos para converterse en estados asociados da Unión Europea e membros da OTAN, sobre todo Letonia e Lituania, países que gozan dunha posición de partida máis avantaxada neste asunto.