Baltimore

Baltimore

Cidade do estado de Maryland, nos EE UU, na baía de Chesapeake (675.401 h [1996]; 2.382.172 h na área metropolitana [1996]). Constitúe un importante núcleo industrial, cun dos portos exportadores máis importantes dos EE UU. A cidade foi fundada no ano 1729. Desde a súa orixe converteuse en refuxio dos católicos que fuxían de Inglaterra, polo que o elemento católico obtivo unha gran preponderancia. Así mesmo, foi a primeira cidade en adoptar o principio de tolerancia relixiosa e un dos centros difusores da cultura liberal e do americanismo. Entre as súas universidades destaca a Johns Hopkins University, fundada no ano 1876. O Museo de Arte Contemporánea de Baltimore posúe unha importante colección de pinturas flamengas, neerlandesas, españolas e francesas (sobre todo impresionistas).