Baluchistán
País da zona suroccidental de Asia, entre Afganistán ao N, o Sindh ao L, e o golfo de Omán ao S; polo O, aínda que os seus límites son menos precisos, poderíanse establecer na conca do Jaz Mūrīyān, en Irán. Comprende, no seu conxunto, uns 500.000 km2 que corresponden ao Baluchistán paquistaní e ao Baluchistán iraní. A súa poboación está constituída por baluchis e paxtos, de orixe iránica, e brahuis, de orixe drávica. Dende 1940 a rexión evolucionou no ámbito industrial co descubrimento de depósitos de asbesto, carbón, cromita, cobre e ferro e mais coa explotación dun xacemento de gas natural en Sui. O Baluchistán paquistaní constitúe unha provincia do Paquistán e o Baluchistán iránico forma, xunto co Sistán iránico, o ostān de Baluchistán-Sistán. Herodoto e Estrabón puxéronlle o nome de Gedrosia. O Baluchistán converteuse nun punto principal na ruta das expedicións cara á India realizadas por Alexandre o Grande. Foi conquistado polos árabes no s VII, pasou a finais do s XVI a mans dos mongois de Delhi e, posteriormente, integrouse en Persia e Afganistán. Durante o s XVIII conseguiu a súa independencia e instaurouse o khanato de Kalāt. No transcurso da primeira guerra afgana (1839-1840) o Reino Unido ocupou temporalmente o territorio, transformándose en protectorado británico no ano 1854 (recoñeceuse oficialmente en 1876). O país foi anexionado ao Imperio Británico, parcialmente no ano 1879 (Tratado de Gandamak) e na súa totalidade en 1887. Entre 1947 e 1948 foi incluído dentro de Paquistán Occidental.