Balzac, Honoré de
Escritor. Entre os anos 1820-1825 publicou diferentes novelas, a maioría en colaboración e baixo pseudónimos (Lord R´hoone, Horace de Saint-Aubin), seguindo a moda da novela negra de orixe inglesa, entre as que destacan L´heritière de Birague (A herdeira de Birague, 1822) e Annette et le criminel (Annette e o criminal, 1823). Despois de fracasar no mundo dos negocios, volveu á literatura cunha novela histórica inspirada na sublevación regalista en Bretaña: Les chouans (Os chouans, 1829). Datan dos primeiros anos da monarquía numerosos contos e algunhas narracións extensas de grande importancia, como La peau de chagrin (A pel do triste, 1831) e Eugénie Grandet (1833). No ano 1834 concibiu a idea do que sería La comédie humaine (A comedia humana), un vasto conxunto de novelas relacionadas entre elas pola relación dos propios personaxes: Le père Goriot (O pai Goriot, 1835), seguida por Séraphita (1835), Le lys dans la vallée (O lirio do val, 1835) e La fille aux yeux d’or (A rapaza dos ollos de ouro, 1835). Pertence aos anos seguintes o corpo da súa mellor produción: as tres partes de Les illusions perdues (As ilusións perdidas, 1837-1843), La maison Nucingen (A casa Nuncingen, 1838), Une ténébreuse affaire (Un asunto tenebroso, 1841), La Rabouilleuse (1842), Splendeurs et misères des courtisanes (Esplendores e miserias das cortesás, 1844). Entre a súa produción teatral destacan as pezas Vautrin (1840) e Les ressources de Quinola (Os recursos de Quinola, 1842). Nos últimos anos da súa vida, enfermo e perseguido polos seus acredores, casou en 1850 con Eveline Hanska en Polonia; de volta en París, morre pouco máis tarde. A súa obra novelística achegou unha penetrante descrición da sociedade francesa que xurdiu da revolución de 1789, sendo as principais características desta sociedade os temas arquetípicos de Balzac.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Tours -
Deceso
Lugar : París