Banato, O

Banato, O

Rexión da zona oriental de Europa que se estende entre os Alpes de Transilvania (Romanía), o Danubio e os ríos Tisza (Hungría e Iugoslavia) e o Mures (Hungría e Romanía) (21.800 km2). É unha área de chairas fértiles, esencialmente agrícola. O principal centro económico e cultural é Timisoara (en Romanía). Acolle unha gran diversidade de etnias: maxiares, serbios, eslovacos, romaneses e alemáns, aínda que dende 1945 estes últimos se reduciron notablemente. Os húngaros mantiveron o control destes territorios ata o ano 1552, cando os turcos ocuparon ese territorio ata o 1718, cando polo Tratado de Pasarowitz pasou a poder dos austríacos. Durante o período de dominio turco o Banato, rexión fértil e próspera, converteuse nun lugar desolado, pero os colonos alemáns contribuíron á súa recuperación. A rexión foi repartida entre Hungría, Iugoslavia e Romanía ao remate da Primeira Guerra Mundial.