Banda de Música Municipal de Vigo
Agrupación musical que naceu como banda do Hospicio en 1896, dirixida por músicos militares retirados. Comezou con 22 músicos e permaneceu así ata 1931, data na que acadou a categoría de municipal, co seu primeiro director xa funcionario, Mónico García de la Parra, quen permaneceu no cargo ata a súa xubilación en 1956. Nos anos 40 a municipal viguesa chegou a ter un cadro de persoal de 70 profesores. Xuntamente coa da Coruña e a de Santiago de Compostela, a banda viguesa foi denominada municipal, polo feito de ser sostida con cargo aos orzamentos do concello, tendo todos os seus compoñentes que acceder a ela mediante concurso-oposición, pasando a ter a categoría de funcionarios. A decisión foi iniciativa do alcalde Suárez Llanos Menacho. A partir de xaneiro de 1958 pasou a ser responsabilidade artística de Ildefonso García Rivas, que recibiu a banda con 64 profesores, que dirixiron bandas e destacaron como intérpretes e compositores ou pedagogos musicais, como Tocho, Sendra, Plácido, Ricardo, Fresco, Lino Cao e outros. Desapareceu en 1992.