Banet López de Rego, Enrique

Banet López de Rego, Enrique

Realizador, fotógrafo e operador de cine e televisión. Participou no GAC (Grupo Amateur de Cine), que realizaba algunhas curtametraxes a principios dos sesenta. En 1964, xunto con Gonzalo Anaya Santos e Ezequiel Méndez Vidal, directivos do cineclub santiagués do Sindicato Español Universitario (SEU), fundou o Equipo 64 a través do que realizou un documental sobre a cidade e outro sobre o Camiño de Santiago. Banet exerceu como autor da fotografía e colaborou, así mesmo, no guión. Formouse na Escuela Oficial de Cine en Madrid para logo ampliar coñecementos de fotografía en Bélxica e Francia. Na década dos setenta foi operador en O cadaleito (1976), obra de curtametraxe en 35 mm de E. R. Baixeras. Traballou para o centro galego da TVE, sendo tamén impulsor da Videoteca de Galicia, integrada no Arquivo da Imaxe de Galicia. Ademais realiza vídeos e programas para a Televisión de Galicia, relacionados sobre todo coa temática conservacionista do medio natural.

Fundou, no ano 2002 xunto a outros socios, a Fundación Galicia Verde, da que é presidente e durante máis de dez anos foi director e presentador do programa SENDA VERDE da TVG. Actualmente compaxina  o seu traballo na Fundación co de terapeuta especializado en Ayurveda, Terapia Clark, Hipnose terapéutica e Reimpronta Matricial.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela