Banja Luka
Cidade de Bosnia-Herzegovina, á beira do río Vrbas (143.079 h [1991]). Antiga fortaleza romana, foi capital de Bosnia durante o s XV e dende a metade do s XVI ata 1639 foi a residencia do paxá de Bosnia. A fins do s XVIII converteuse nun núcleo de resistencia contra o dominio turco. Conserva a Mesquita de Ferhad bāšā (‘paxá’) do s XVI. Trala constitución de Iugoslavia, Banja Luka integrouse na República de Bosnia-Herzegovina. En outubro 1991, logo de que se decidise en referendo a soberanía de Bosnia e a súa segregación de Iugoslavia, os serbios autoproclamaron tres repúblicas serbias noutros tantos territorios bosníacos, entre eles Banja Luka. Polos acordos de paz de Dayton (decembro de 1995), que crearon a República Serbia de Bosnia, confederada coa Federación Croata-Musulmana, Banja Luka foi declarada capital da primeira destas entidades.