Banyoles, Estany de

Banyoles, Estany de

Lago que se atopa na provincia de Girona, situado á beira da cidade homónima. Abrangue unha superficie de 1.075.315 m2, estendéndose ao longo de 2.134 m. A súa máxima profundidade acada os 62 m. De orixe cárstica e tectónica, ao seu redor hai unha decena de lagos de menor dimensión, da mesma orixe morfolóxica. Desauga por medio de cinco canles situadas na súa parte sueste, que á súa vez forman o río Terri. O lago de Banyoles acolle unha gran riqueza piscícola (lucios, barbos, anguías, carpas, etc) e constitúe un punto ao que acoden numerosas especies de aves acuáticas. Ata o remate do s XVII, os abades do mosteiro de Banyoles exerceron o seu dominio sobre o lago, controlando o aproveitamento das súas augas para o rego e a pesca. En 1847 integrouse no municipio de Banyoles, converténdose en dominio público. É un centro de ocio no que se practica a pesca deportiva e outras especialidades náuticas, coma o remo, a navegación a vela, o esquí acuático ou a natación. Neste eido cómpre destacar a celebración no lago das probas de remo correspondentes aos Xogos Olímpicos de 1992.