Baños de la Encina

Baños de la Encina

Municipio da provincia de Jaén, Andalucía, ao pé de Sierra Morena e drenado polos ríos Pinto e Grande (2.756 h [1996]). No seu termo está o encoro de Rumblar. A súa economía posúe un acentuado perfil agropecuario, destacando as producións dos cereais e das oliveiras. Tamén se explotan os xacementos de chumbo do seu subsolo. A vila de Baños de la Encina, situada ao S do municipio, recibiu en 1969 a cualificación de Conxunto Histórico Artístico, grazas á riqueza do seu patrimonio arquitectónico, especialmente o construído a partir do s XVIII. Dentro dela consérvase o castelo medieval de Bury al-Hamma, levantado no 968 por Alhakam II, Califa de Córdoba, declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en xuño de 1931. A abundancia metalífera do seu subsolo (chumbo, cobre, prata, etc), atraeu primeiro os cartaxineses e logo os romanos, quedando multitude de evidencias arqueolóxicas da actividade mineira nesa época. Por outra banda, a súa localización estratéxica no paso entre a Mancha e Andalucía, converteuna nun punto fundamental na época medieval. En 1225, Fernando III o Santo arrebatoulla aos musulmáns e incorporouna ao seu reino definitivamente, outorgándolle privilexios de reguengo. Co remate das loitas medievais e a perda da súa importancia militar caeu nunha etapa de decadencia. No s XVIII experimentou unha nova época de esplendor que se reflicte no seu patrimonio arquitectónico, en casas e pazos señoriais.