Baquedano, José

Baquedano, José

Compositor. Foi bautizado o 20.3.1642 na igrexa parroquial de Santiago de Puente la Reina (Navarra), onde, probablemente como neno de coro, foi discípulo de Simón Huarte Arrizabalaga, mestre de capela de Bilbao. En 1680 exerceu en Madrid como mestre da capela do convento da Encarnación de Madrid. Estudiou composición cun dos mellores mestres da España da época, Matías Ruíz, e converteuse en frade da orde da Santísima Trindade. Foi nomeado mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela e recibido como mestre o 31.8.1680, pero non puido tomar posesión da súa praza ata o 10.5.1681. Xubilouse o 1 de agosto de 1710. Como compositor é sen dúbida un dos maiores representantes do Barroco musical español e, certamente, o maior de Galicia. O seu estilo é o característico concertante, que mellor define a esencia musical do Barroco, baseado no contrapunto de concierto e na policoralidade, que nas súas obras poden chegar ata os cinco coros. A escritura é vogal e cando aparecen partes instrumentais, estas tamén son de carácter vocal. Destaca dentro desta pura liña vocal, a beleza melódica e tamén son notables os típicos efectos barrocos de contraste, todo nunha escritura que, sen renunciar á grandiosidade e brillantez barroca, chama a atención pola súa claridade e transparencia. Todas as obras que se conservan da súa autoría, case un centenar, están no arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, menos tres que están na de Burgos. Entre as súas composicións destacan: misas (Misa a 4; Misa de la batalla, a 12); salmos (Beatus vir, a 12; Laudate Dominum, a 8; Mirabilia, a 8; Miserere, a 10; Magnificat, a 8...); lamentacións (Quomodo sedet sola, a 8; Manum suam, a 6; Cogitavit Dominus, a 8...); motetes (Assumpta est Maria, a 8; Asperges me, a 4; O crux ave, a 4...); e vilancicos (Luces y cariños, a 3; Vayan los reyes, a 8; Cuidado sentidos, a 5; Oyeron decir dos viejas, a 6; Al ver un infante, a 4; Con amante adoración, a 4...). A Capela Compostelana gravou dous discos do seu repertorio: José de Vaquedano (1991) e Villancicos a Santiago, José de Vaquedano (1993).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : 1642

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela