Bar Boo, Luis

Bar Boo, Luis

Actor. Incorporouse ao mundo do cine a mediados da década dos 60. Especialista e dobre de actores nos seus comezos, a súa vida interpretativa estivo relacionada coas películas de coprodución rodadas no sur de España. O seu corpo musculoso e o rostro ameazador, encadrárono en papeis de vaqueiro malo en numerosos spagetti-western e convertérono, na década dos 70, nun dos actores preferidos polo director Jesús Franco para os seus filmes de pseudo-terror como Drácula contra Frankenstein (1972), La noche de los asesinos (1974) e Sangre (1976). No estranxeiro traballou con Charlton Heston en Marco Antonio e Cleopatra (1971) e con John Milius en El viento y el león (1975) e Conan, el bárbaro (1982). Participou ademais en varias series televisivas tanto en España (Verano azul ou Cervantes) como en Inglaterra (The Protectors) e Alemaña (Zun Kleinen Fisch ou Sargent Berry). Coa participación en máis de douscentos filmes, converteuse nun dos actores galegos de carreira máis prolífica. Aínda así, só en dúas ocasións participou en proxectos cinematográficos relacionados coa nosa terra: Cotolay (J.A. Nieves Conde, 1965), con escenas rodadas en Galicia, e a mediametraxe O Camiño das estrelas (1993), dirixida por Chano Piñeiro.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Falecemento

    Lugar : Madrid