Bar Boo, Xosé
Arquitecto e profesor universitario. En 1957 principiou a súa actividade profesional en Vigo, onde desenvolveu a súa carreira. Marcado pola súa concepción ética da arquitectura ao servizo da sociedade, converteuse nun dos referentes da arquitectura contemporánea galega. A súa primeira obra, o edificio da rúa Marqués de Valladares 35 de Vigo, manifesta unha gran madurez e un coñecemento profundo dos recursos da arquitectura contemporánea. Nese edificio, que axiña foi considerado pola crítica especializada como unha das obras máis logradas da arquitectura galega do s XX, expresa un gran funcionalismo, tanto pola pureza e sinxeleza do deseño como polos materiais que se empregan (poucos e con predominio do ferro e do vidro). Posteriormente, evolucionou na procura de expresividade e organicidade da súa linguaxe arquitectónica e “localidade” na utilización dos materiais (granito, madeira, etc). Este proceso móstrase nos seguintes traballos: chalé de Coruxo, edificio da rúa das Camelias de Vigo, Mercado de Gondomar (1965), Sanatorio Neuropsiquiátrico El Pinar do Meixoeiro-Vigo (1965), Policlínico Cíes (Vigo, 1967), igrexa parroquial da Nosa Señora das Neves (Vigo, 1968), etc. O organicismo, xorde en Bar Boo como resultado desa continua persecución da modernidade e do compromiso ético e político co país galego. No edificio dos Novos Xulgados da Coruña (1990) sintetizou as súas concepcións arquitectónicas. Outra obra de singular feitura, aínda que en aparencia distinta a esta, é a dos chalés acaroados na illa de Toralla (1985), na que se manifesta de novo a tensión entre a tradición e a modernidade, propia da arquitectura. Segundo Seara Morales, a tradición non só se fai por medio dos materiais, senón que toda a súa obra conecta coa tradición grazas a incorporación de tipos históricos que a fai atemporal: achéganse ao espazo universal interior mediante o funcionalismo máis exacerbado. Alén da súa traxectoria arquitectónica, Bar Boo participou en numerosos proxectos culturais galegos: foi cofundador e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, presidente de ADEGA e cofundador e patrón do Museo do Pobo Galego. Ademais, foi vicepresidente do Consejo Superior de Arquitectos de España.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso