Barba

Barba
  1. [ONOM]

    Apelido que ten a súa orixe nun alcume. O alcuño puido estar motivado non só polo feito de que o individuo a quen se lle aplicou tivese barba, senón tamén porque esta era símbolo de virilidade e de vellez no período medieval. Xa aparece como cognome entre os romanos e como prenome na nosa onomástica medieval: “Barua Bona” (doc ano 1155 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 391). Como apelido documéntase dende o s XI.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe de orixe discutida que, moitas veces, mestura na súa historia heráldica elementos tirados da tradición. Dise que foi Rui Suárez de Figueroa, da dinastía dos Suárez de Figueroa, o que comezou a ser chamado co apelativo de Barba debido ao gran valor que amosou na loita contra os mouros; engadíronse, daquela, ás armas dos Barba (espada atravesada en campo de sinople), cinco follas de figueira. Abundan membros desta estirpe nas provincias da Coruña e Pontevedra. Unha rama pasou ás Indias. Emparentaron, así mesmo, cos Pita de Veiga. As súas armas levan, en campo de ouro, cinco follas de figueira, de sable en aspa, atravesada a do centro por un puñal de prata.