Barbantiño
Río afluente do Miño pola dereita. Ten as súas fontes a 600 m de altitude, formando a súa cabeceira o rego de Alontos, na parroquia de Orbán (concello de Vilamarín). O Barbantiño configúrase como tal na parroquia veciña do Río. O seu curso encáixase nunha fractura de dirección NNL-SSO sobre un contexto litolóxico de granito de dúas micas, pola que discorre atravesando o territorio dos concellos de Cea, Piñor, Maside, Amoeiro, Punxín e Ourense. En todos os casos o seu curso foi aproveitado para establecer os límites municipais. Desemboca no Miño, logo dun percorrido duns 24 km, no lugar de Arrabaldo, no límite dos concellos de Ourense e Punxín (parroquias de Arrabaldo e Ourantes, respectivamente). A súa cunca abrangue unha superficie de 174 km2, achegando un caudal relativo medio na súa desembocadura de 3,4 m3/s. O seu principal afluente é o Formigueiro, que captura no lugar da Bouza, na parroquia (e concello) de Punxín, no límite coa de Parada de Amoeiro (Amoeiro).