Barbanza

Barbanza

Comarca do litoral occidental de Galicia. Esténdese pola marxe setentrional da ría de Arousa, ocupando o S da península do Barbanza. Limita polo N e polo O coa comarca de Noia (concellos de Lousame e Porto do Son), polo NL coa do Sar (concello de Dodro) e co treito final do río Ulla, que marca a fronteira coa comarca de Caldas (concello de Catoira) e polo S e O co Océano Atlántico na ría de Arousa. Ocupa unha superficie de 244 km2 nos que acolle unha poboación de 66.487 h (1998), distribuídos entre os concellos de Boiro (17.845 h repartidos en 8 parroquias), Pobra do Caramiñal (10.082 h en 4 parroquias), Rianxo (12.147 h en 6 parroquias) e Ribeira (26.413 h en 9 parroquias); resultando unha densidade de 274 h/km2. A rede viaria principal estrutúrase por medio de dous eixos que discorren paralelos ao litoral. Un é a estrada comarcal C-550 que penetra na comarca procedente de Padrón e, despois de percorrer o N do concello de Rianxo e atravesar Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, prosegue cara a Porto do Son e Noia. Esta vía é a ruta tradicional que deu servizo á comarca. Co obxectivo de solucionar os problemas provocados nela pola intensidade do tránsito, a administración autonómica construíu unha vía de alta capacidade, a vía rápida VRG-11. Esta segunda estrada segue un trazado parello á anterior, principiando en Padrón e rematando en Ribeira. Ademais destas estradas principais hai outras secundarias, como as que enlazan Rianxo coas anteriores ou o ramal da VRG-11 que o comunica con Catoira. Outras secundarias son as que enlazan Boiro con Noia ou serven de acceso ás distintas parroquias ou núcleos importantes separados da estrada principal, como Corrubedo, Aguiño ou Cabo de Cruz.
Xeografía física
A comarca do Barbanza conforma unha franxa con dirección case meridiana e marcada fundamentalmente por dous accidentes: a serra do Barbanza e a liña costeira, ben cara á ría de Arousa ou ben cara ao mar aberto. A serra de Barbanza constitúe un bloque elevado de materiais graníticos que serve de eixo axial á península. Segue unha dirección N-S, protexendo dos ventos do oeste a ría de Arousa. A altitude media da liña de cumes está ao redor dos 600 m, rexistrando os máximos nos Forcados 618 m e no Barbanza con 652 m, nos concellos de Boiro, A Pobra de Caramiñal e Ribeira. En Ribeira prolóngase, con altitudes ostensiblemente máis baixas, cara ao S e SO (San Alberto, 207 m; Monte Castro, 213 m; Outeiro de Abeledo, 171 m). Existe outra aliñación montañosa, illada respecto á anterior, no N do concello de Rianxo, no linde coas terras de Lousame e Dodro. Esta aliñación segue unha dirección NL-SO, e ten as súas máximas cotas nos 674 m da Muralla e nos 624 m do monte Freito. Está separada da serra do Barbanza polos vales do ríos Grande e Beluso. Tamén en Rianxo existe outra aliñación de alturas máis modestas (Lioira, 279 m) e orientadas no mesmo sentido e servindo de separación entre o val do río Te e o esteiro do Ulla. Entre estas serras e a costa desenvólvese unha sucesión de superficies de aplanamento, diseccionadas por pequenos vales, entre as que destacan a chaira litoral, que acada o seu máximo desenvolvemento no concello de Ribeira. A costa pódese dividir morfoloxicamente entre o sector de Corrubedo e a ribeira da Ría de Arousa. O primeiro corresponde a mar aberto é nel esténdese o interesante espazo natural das dunas de Corrubedo. Esta franxa areosa, composta por dunas mortas e algunha viva, separa a lagoa de Carregal do mar. O sector resólvese nunha extensa enseada ocupada polas praias de Lagoa e Ladeira, flanqueadas no N polo cabo de Corrubedo e no S polo cabo Falcoeiro. Neste mesmo territorio, ademais da anterior, atópase tamén a de Vixán, moito máis pequena. O outro tramo correspóndese coa ría de Arousa, conformando un litoral moi recortado, alternándose saíntes (cabo Falcoeiro en Ribeira, a punta de Cabío na Pobra de Caramiñal, Cabo de Cruz, a punta de Pedra Rubia en Boiro, e a punta sereira en Rianxo) con enseadas ocupadas por praias (Coroso en Ribeira, Caramiñal e Esteiro na Pobra do Caramiñal, ou a de Barraña en Boiro). Finalmente, entre as illas, destaca a de Sálvora, que ten nas súas proximidades outras máis pequenas, como a Vionta ou a illas Sagres, situadas na boca da ría. A rede hidrográfica resólvese nunha serie de ríos moi pequenos cunha pendente moi forte debido á proximidade entre a súa cabeceira e a desembocadura, seguindo usualmente unha dirección N-S ou NL-SO. De O a L aparecen o río Arlés, drenando o concello de Ribeira e desembocando na lagoa de Carregal, o Barbanza, con nacemento en Boiro e desembocadura na Pobra do Caramiñal, o Coroño e o conxunto Grande-Beluso, drenando respectivamente o O e L do concello de Boiro, e o Te, principal curso de auga de Rianxo pero con fontes no concello de Dodro. Por último, os límites orientais da comarca e do concello de Rianxo correspóndense co treito final do río Ulla, que case non ten incidencia neste territorio pola ausencia de tributarios. O seu clima pode ser considerado como oceánico hiperhúmido, con matizacións orixinadas pola altitude e a exposición aos ventos dominantes. Así as precipitacións son moi abundantes (oscilan entre os 2.000 mm no espazo costeiro máis protexido, e os máis de 3.000 mm das áreas máis altas e expostas da serra do Barbanza). No relativo ás temperaturas son cálidas no litoral, onde se acadan os 14,9°C de media anual, 9,3°C para o mes máis frío e 21,1°C para os máis cálidos. Estas magnitudes tórnanse máis suaves no alto da serra, onde a temperatura media anual descende ata 12,1°C (7,1°C e 19,9°C de media nos meses de máis frío e máis cálido, respectivamente). A vexetación está totalmente condicionada polo contraste entre a serra e as terras baixas. Na primeira domina a matogueira, como os toxos, as queirugas ou as xestas. Nos espacios máis baixos a vexetación autóctona foi case totalmente substituída por especies de repoboación como os piñeiros ou os eucaliptos. Por último, no litoral destacan as formacións vexetais sobre os depósitos de area das praias, especialmente rica nas dunas de Corrubedo.
Xeografía humana
A poboación do Barbanza caracterízase polasúa vitalidade. Ao longo do s XX o seu crecemento foi espectacular: se en 1900 se cifraba en 35.988 h, en 1998 sumaba 66.417 h, representando un incremento dos seus efectivos da orde do 86 %. Nesta evolución tan positiva influíu a súa condición de comarca litoral moi ligada á pesca e á industria conserveira, ofrecendo oportunidades de traballo aos seus moradores e atraendo algúns inmigrantes. Este dinamismo económico reduciu a incidencia da emigración, limitada a escasos continxentes, primeiro cara a América e logo cara a Europa Occidental, e impediu o avellentamento da súa poboación. O seu ritmo de crecemento foi continuo, non existindo ningunha década cun retroceso da súa poboación. Isto non é óbice para rexistrar certos ciclos en función da intensidade do seu crecemento. Así, podemos indicar a sucesión de períodos de rápido crecemento (1900-1940, 1960-1981, e a primeira metade da década de 1990), seguidos de outros onde é menos intenso (1940-1960, e a década de 1980). As fases expansivas están en íntima relación coa demanda exterior de produtos derivados da pesca, debido á súa acentuada especialización produtiva. O primeiro período de retraso coincide coas únicas fases de retroceso da poboación de certos municipios. A Pobra do Caramiñal perdeu efectivos desde 1930 a 1960, Rianxo durante a década de 1950 e Ribeira na de 1940. Estas perdas correspóndense con anos de forte emigración, encuberta pola forte natalidade, debidas ao contexto desfavorable a nivel estatal e mundial. No segundo período (a década de 1980) non se perdeu poboación en ningún concello, pero o crecemento retardouse por unha reactivación temporal da emigración motivada pola crise do sector pesqueiro, e tamén por unha sensible baixa na fecundidade, provocada tanto pola conxuntura económica, como por unha fonda e complexa transformación social, conxugando aspectos culturais, económicos e sociolóxicos, que implicou unha reestruturación dos valores e comportamentos cara á reprodución, favorecidos pola introdución e legalización de métodos eficaces de planificación familiar. Por concellos, o máximo crecemento corresponde a Ribeira onde os seus efectivos medraron un 117 % durante o século XX. Forte tamén foi o de Boiro, dobrándose a súa poboación neste mesmo período de tempo. Pola contra, na Pobra do Caramiñal e en Rianxo os valores do crecemento foron menores; na primeira cífrase nun 55,4%, e na segunda nun 47,3%. Estas porcentaxes expresan as diferencias entre Boiro e Ribeira, motores do crecemento comarcal, e A Pobra do Caramiñal e Rianxo, espacios con menor dinamismo económico. Como resultado desta evolución, a poboación é bastante nova. Os menores de 20 anos superan amplamente aos maiores de 65: os primeiros representan a cuarta parte da poboación (concretamente o 25,5 %) e os segundos apenas a sexta parte (o 14,8%). Estas porcentaxes repítense con poucas variacións en cada concello, sendo os máis novos os máis poboados da comarca (Boiro e Ribeira), e o máis avellentado Rianxo. Malia todo, as diferencias intracomarcais son escasamente significativas.
Xeografía económica
A agricultura posúe unha relevancia anecdótica, e no conxunto comarcal non ocupa máis que o 4,3% da man de obra. Por concellos distribúese de xeito desigual: é destacable en Rianxo (8,3%) ao contar con parroquias interiores; está próxima aos valores comarcais en Boiro (4,5%); pola contra, nos concellos plenamente litorais do O é testemuñal (A Pobra do Caramiñal cun 1,6% e Ribeira co 3,2%). O carácter marxinal da agricultura é facilmente explicable debido á puxanza da pesca, tomando só un papel relevante nas parroquias orientais de Rianxo ou nas da serra do Barbanza. Pola contra, a pesca si é unha actividade salientable. Na comarca emprega o 25,5% da man de obra, o que a converte na segunda fonte de traballo. Dentro dos concellos esta posición consérvaa só Ribeira (36,9%); pola contra, en Boiro (20,9%), A Pobra do Caramiñal (16,4%) e Rianxo (15,7%) é a terceira. Esta actividade repártese tanto entre o marisqueo como na pesca propiamente dita, tendo como principais portos os de Aguiño (no concello de Ribeira), A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este último é o terceiro en importancia de Galicia, destacando os arrastreiros e as embarcacións de cerco. O marisqueo posúe unha grande importancia ao longo das súas praias, tanto a pé como en embarcación, e cumpre un importante papel complementario para a economía de moitas familias. A acuicultura tamén está presente na comarca, existindo por toda a ría parques e viveiros para peixe e marisco: o exemplo máis visible son os polígonos de bateas dedicadas ao cultivo do mexillón na ría de Arousa. A industria ten un papel importante: en termos comarcais é a terceira actividade en importancia, superando a quinta parte dos ocupados (22,8%). Agás no concello de Ribeira, territorio excesivamente dependente da pesca, onde é a terceira actividade co 15,2% dos traballadores, a industria supera á pesca en todos os demais concellos, acadando o segundo posto tralos servicios (Boiro 28%, A Pobra do Caramiñal 28,9% e Rianxo 16,1%). A rama cun desenvolvemento superior é a de produción de conservas de peixe. Esta forte especialización non fai máis que acentuar a dependencia da economía do Barbanza da pesca. Empresas como Jesús Alonso SA en Boiro, Escurís SA, Conservas Friscos SA e La Onza de Oro na Pobra do Caramiñal, empregan unha gran cantidade de man de obra, fundamentalmente feminina. Fóra do sector da conserva de peixe, hai outras compañías de tamaño medio ou grande, como Jealfer SA de Boiro e Confecciones Hortensia SL de Rianxo no téxtil, Cartón Galicia SA da Pobra do Caramiñal na elaboración de embalaxes, Hormigones de Boiro SL de Boiro na elaboración de materiais de construción, ou a carpintería metálica boirense Etiel SL. Ademais destes exemplos, na comarca existen unha multitude de establecementos industrias cativos, pequenos talleres que rematan de configurar un sector ben dimensionado e moi vinculado ao mar. A construción amosa uns valores baixos; en termos comarcais ocupa ao 10,1% dos traballadores, centrados na actividade edificatoria local ou en concellos próximos. A nivel municipal hai un forte contraste entre os orientais e os occidentais. Nos primeiros ocupan unha boa parte do mercado laboral (Boiro 12,7%, Rianxo 15,1%); nos segundos o seu papel tende a ser marxinal, tanto na Pobra do Caramiñal como en Ribeira só emprega ao 6,9% da man de obra. No sector servicios aséntase a principal fonte de emprego, que a nivel comarcal supón o 37,2 %. Esta posición repítese en cada un dos concellos, volvéndose a notar a contraposición entre os orientais e os occidentais: Boiro 34%, A Pobra do Caramiñal 46,2%, Rianxo 34,7% e Ribeira 37,8%. Estas porcentaxes son aínda baixas se consideramos o volume demográfico da comarca e a presenza de núcleos urbanos de tamaño considerable. Nesta circunstancia inflúe a elevada especialidade comarcal en funcións relacionadas co mar, feito directamente reflectido no terciario ao asentarse na comarca importantes empresas (Actemsa SA na Pobra do Caramiñal; Pescados Hermanos Lijo SL, Frigoríficos Docampo SA ou Pescados Hermanos Ramos SL en Ribeira). En consecuencia, concellos como Boiro ou Ribeira, onde se localizan os principais centros de mercado, non posúen as porcentaxes de ocupados no terciario máis altas da comarca. Incluso a capital comarcal, Ribeira, supera por moi pouco á pesca a pesar de contar con servicios administrativos como a Axencia Tributaria, a sede do partido xudicial, o hospital comarcal ou a delegación comarcal da Consellería de Pesca, e cun equipamento comercial e de servicios de titularidade privada de alcance supramunicipal. Noutros concellos os servicios quedan relegados a actividades de menor rango, como o comercio de alcance local (Boiro, A Pobra do Caramiñal) ou a hostalería. Polo tanto, os servicios nesta comarca están escasamente desenvolvidos en relación coa súa dimensión demográfica e económica, escurecidos polo peso do sector relacionado coa extracción e transformación dos recursos mariños.
Historia
A comarca do Barbanza está poboada dende a época prehistórica como amosa a gran cantidade de achados atopados, sobre todo da época megalítica. Entre os restos megalíticos conservados destacan a Arca do Barbanza e a Casota do Páramo, ambas na parroquia de Cures, en Boiro; as mámoas da parroquia de Lesón e os castros de Cabío e Postmarcos na Pobra do Caramiñal; a estación megalítica de Leiro e Asados en Rianxo; o dolmen e os petroglifos de Axeitos e o castro da Cidade en Ribeira. A presenza romana está documentada pola presenza da vía Per Loca Maritima que atravesaba o Barbanza unindo Boiro e Porto do Son. Durante a Idade Media a costa sufriu os ataques de normandos e viquingos, ata que no s XV os pescadores comezaron a organizarse. Os ss XVI e XVIII foron anos de prosperidade na comarca: os mariñeiros de Abanqueiro (Boiro) eran os provedores do Escabeche Real de Ostras e o porto de Ribeira abastecía de peixe a Castela. Mostra da riqueza da comarca son os numerosos pazos conservados.
Patrimonio cultural
O patrimonio arquitectónico, ademais dos restos arqueolóxicos, é moi abundante. Salientan as igrexas románicas de Abanqueiro, Lampón e Cespón (Boiro); a Igrexa de Santiago do Deán (A Pobra do Caramiñal), ademais dos elementos románicos, ten engadidos góticos, platerescos, barrocos e neoclásicos. A Igrexa de santa María a Antiga do Caramiñal ten a ábsida do s XVI e a nave do s XVIII; do mesmo século é a capela de Nosa Señora de Guadalupe en Rianxo, edificada sobre a da Nosa Señora da Cruz. Máis numerosas son as manifestacións pacegas conservadas. En Boiro destacan o pazo de Agüeiros e as Torres de Goián, reconstruídas no s XVI por Domingo de Andrade. Na Pobra do Caramiñal consérvanse a Casa Grande de Aguiar do s XVIII; o pazo do Couto de 1717; unha casa plateresca do s XVI que alberga no seu interior o Museo Valle Inclán; as Torres da Xunqueira do s XV e as ruínas do pazo da Mercé, onde se desenvolven algunhas das escenas das Comedias Bárbaras e do Romance de lobos de Valle Inclán. O pazo de Martelo e as casas fortes de Asadelos, Brión e Viturro atópanse no concello de Rianxo. En Ribeira salienta o Castelo da Garita. Dentro do patrimonio etnográfico salienta un tipo de cruceiro, o chamado de capeliña ou de Loreto, característico dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Rianxo. Son orixinarios dunha orde relixiosa-militar creada polo Papa Sixto V en 1587 para defender as costas galegas dos ataques dos piratas. Consérvanse moi poucos, entre eles os de Xunqueiras, Laxe Pequena e Cristo de Moldes na Pobra, e o do Campo de Pazos en Rianxo. Ademais dos cruceiros clásicos repartidos por toda a comarca, abundan as ermidas, fontes, petos de ánimas, pombais, muíños e hórreos, entre eles salientan os de tipo Noia de grandes dimensións (Rianxiño, Isorna e Araño, en Rianxo). Dentro da devoción popular adquiren un especial interese a procesión das mortallas da Pobra do Caramiñal e a procesión marítima da Nosa Señora de Guadalupe en Rianxo. O patrimonio natural viuse potenciado pola Xunta de Galicia ao recoñecer unha serie de espacios naturais, fundamentalmente relacionados co litoral: na Pobra do Caramiñal, o espazo natural da Curotiña; en Rianxo a da Foz do Ulla; en Ribeira esta cualificación esténdese a Corrubedo, Cabo Corrubedo, Illas de Sagres, Illas de Ceboleiro e Carreira, Illa Rúa, e Illas de Sálvora, Novo, Herbón e Vionta.
Configuración comarcal

No Antigo Réxime a comarca pertencía á provincia de Santiago de Compostela, e estaba dividida nas xurisdicións de Boiro, Caramiñal, Cordeiro, Noia, Proba do Deán e Rianxo, ademais do couto redondo de Goián. O factor de unidade era o vencello ao poder eclesiástico compostelán: dependían na súa maior parte ben directamente do arcebispo, ben doutros estamentos, como o cabido catedralicio. Só quedaban á marxe Caramiñal e o couto redondo de Goián, o primeiro dependente do marqués de Parga, e o segundo dunha autoridade allea aos poderes eclesiásticos ou nobiliarios. Coa reforma administrativa que deu lugar ao establecemento dos municipios e partidos, case todos quedaron dentro do partido xudicial de Noia a excepción de Rianxo, dependente do de Padrón. A partir de 1988 a reforma do mapa xudicial trouxo como consecuencia a división do partido de Noia, nacendo o partido xudicial de Ribeira. Só Rianxo se mantivo á marxe, seguindo baixo a xurisdición de Padrón, agás no período comprendido entre 1965 e 1988, tempo durante o que dependeu do de Santiago de Compostela. Esta evolución do mapa xudicial reforzou unha comarca xa de por si unificada polas súas condicións físicas e socioeconómicas. O seu carácter litoral, a dependencia da pesca como base da súa economía e a disposición do relevo, canalizador das comunicacións intracomarcais a través das estradas C-550 e VRG-11, vehiculizan as relacións dos seus habitantes. No apartado funcional, a situación excéntrica de Ribeira ou a existencia de núcleos alternativos de certa dimensión (principalmente Boiro) actúan como elementos disgregadores, mais sen desmentir a existencia dunha comarca asentada nos seus caracteres homoxéneos. Só Rianxo, por unha localización marxinal respecto ao principal eixo de relación e a maior dependencia respecto a núcleos extracomarcais (Padrón e Santiago de Compostela) amosa unha relativa individualización respecto ao resto da comarca.