Barbaña

Barbaña

Río afluente do Miño pola esquerda. Nace a 640 m de altitude no monte Cobreiro, na parroquia de Figueiroá, no concello de Paderne de Allariz. Atravesa as parroquias da metade meridional deste municipio cunha dirección L-O e penetra no de Taboadela. A seguir, intérnase no de San Cibrao das Viñas virando cara ao N en concordancia coa tectónica, e chega ao concello de Ourense, cidade na que desemboca preto da ermida dos Remedios. Logo dun curso de 22,5 km, desemboca achegando un caudal de 0,59 m3/s. A súa cunca abrangue unha superficie de 65,7 km2, e entre os seus principais afluentes atópase o Barbadás, que captura xa na cidade de Ourense, pouco antes da súa desembocadura.