Barbeito
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica procedente do latín vervactu ‘arado por primeira vez’. Xa se documenta no s XIII: “Martinus Petri de Barveytu” (doc ano 1243 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 524).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe orixinaria do lugar coruñés de Barbeito. A primeira casa señorial dos Barbeito estivo en Piñeiro de Corzáns (Salvaterra de Miño); ademais, foron señores do couto e xurisdición de Liñares, no mesmo concello. Establecéronse, tamén, noutros lugares próximos á fronteira con Portugal e en Monforte, na Coruña, en Cambre, en Sotoxuste ou en Vide. Algunhas ramas pasaron a Pontevedra e asentáronse preto de Tui. A tradición conta que a esta dinastía pertenceu Paio Martínez Barbeito quen, de camiño para a conquista de Almería en apoio do Rei de Castela, nunha disputa sobre quén levaba o pendón pronunciou a célebre frase: “somos galegos e non nos entendemos”. As súas armas levan, en campo de prata, unha torre de pedra cun león pardo saíndo pola porta. Algunha variante ostenta, en campo de azul, un castelo de ouro e, ao seu pé, un lobo de sable colocado na metade sinistra do castelo e mirando cara a ese flanco. Outros amosan escudo acuartelado: o primeiro cuartel, en campo de prata, cunha venera de ouro e, en punta, ondas de azul e prata; o segundo cuartel, axadrezado de ouro e goles; o terceiro cuartel, en campo de azul, cun castelo de ouro, e saíndo pola porta un lobo pasante de sable mirando cara ao flanco sinistro; o cuarto cuartel, en campo de ouro, cun cervo da súa cor natural sobre unha terraza de sinople. Enriba de todo, unha columna da súa cor, e no seu capitel un triángulo de azul ensanchado ata o xefe, cargado de dúas veneras de ouro, postas en faixa. Algúns traen escudo partido: na primeira partición, sobre campo de azul, un castelo de pedra aclarado de sable e, en punta, un león pasante de goles; na segunda partición, sobre campo de azul, unha árbore de sinople e, en punta, un cervo da súa cor natural atado ao tronco da árbore cunha cadea de ferro. Hai outros que ostentan, en campo de azul, unha torre de ouro de tres corpos (ou castelo) e, saíndo da porta, un león ou lobo de sable, pasante e sinistrado.