Barberini

Barberini

Familia nobre italiana, orixinaria de Barberino, no val do Elsa. No s Xlll trasládase a Florencia, onde obtivo a nobreza. Do 1490 ao 1511 deu catro priores á república. Con Antonio Barberini pasou a Roma. O cardeal Maffeo Barberini foi elixido Papa no 1623 co nome de Urbano Vlll. Converteuse nun dos principais mecenas da arte barroca romana. No 1630 mercou aos Colonna o principado de Palestrina para llo outorgar ao seu sobriño, Taddeo Barberini (morto no 1647). Maffeo Barberini (morto no 1685), segundo príncipe de Palestrina, duque de Monterotondo e de Nerola, obtivo a Grandeza de España (1678) sobre o principado. O derradeiro membro desta familia foi Cornelia-Costanza Barberini, cuarta princesa de Palestrina (morta no 1797), muller de Giulio Cesare Colonna di Sciarra, príncipe de Carbognano e duque de Bassanello. Os seus sucesores chamáronse Barberini-Colonna di Sciarra e formaron dúas ramas: a dos príncipes de Carboganano, extinguida na liña masculina en 1942, e a dos príncipes de Palestrina, que recaeu nos Sacchetti, que adoitaron o apelido Barberini (1892). O palacio Barberini (1625-1633), encargado a Carlo Maderna, Francesco Borrimini e Gian Lorenzo Bernini, alberga unha importante colección de arte.