Barbero Municipal, El

Barbero Municipal, El
[PUBLIC]

Trátase dun dos máis destacados voceiros da prensa agraria en España, dos que mellor reflectiron as loitas sociais e políticas do momento. Apareceu en Rianxo o 17 de xullo de 1910 e deixou de existir en 1914. Ía subtitulado como “Semanario conservador”. Na dirección figuraba un destacado xornalista da época, Xosé Arcos Moldes, tiña como director administrativo e ilustrador a Castelao, e dispoñía de redactores do talle de Eduardo Dieste, Ramón Rey Baltar (Verduguillo), Rañó Alcalde e outros. O prezo da subscrición era dunha peseta ao trimestre e de 0,10 céntimos o número solto. Foi nos seus comezos voceiro da Casa Mariano, encabezada por Mariano Rodríguez Dios, americano rico, exalcalde e pai de Castelao, como comenta nas súas Crónicas José Antonio Durán, un dos máis destacados estudiosos da prensa agraria. Este semanario satírico e anticaciquista estaba vencellado ao Partido Conservador, grupo na oposición naquel momento, que seguía a liña maurista. A partir de 1911 librou duras loitas co voceiro do Partido Liberal, o semanario Buenas Noches, que apareceu tamén na localidade de Rianxo neste mesmo ano e que estaba vencellado ao caciquismo gassetista. Desde 1912 e sen deixar de ser maurista, converteuse en voceiro do movemento agrario de Acción Gallega con todo o que isto significaba nesta década tan axitada. Cando deixou de publicarse en 1914 foi substituído, en certa maneira, por La Justicia, publicación agrarista e maurista que só chegou a sacar seis exemplares e que foi fundada tamén por Xosé Arcos Moldes. Ademais do labor político e social que desenvolveu, El Barbero Municipal foi sen dúbida un xornal moi influínte no ámbito cultural de toda a zona de Rianxo, no que destacou a prosa e os versos satíricos dos seus colaboradores e, sobre todo, a calidade artística de Castelao que, aos seus vinte e cinco anos, xa era un consagrado ilustrador e caricaturista. O seu valor hemerográfico é incalculable.