Barbi Alonso, Jorge
Escultor. Iniciouse como pintor no ano 1982; sen embargo, axiña se centrou na escultura. A mediados dos oitenta comezou a realizar intervencións na paisaxe, recollendo diversos obxectos que sacaba do seu contexto. Despois levou a cabo actuacións in situ das que soamente se conservan testemuños fotográficos. A pesar da utilización de materiais de desfeito, que o sitúan na beira da arte povera, a súa obra é fundamentalmente conceptual. A serie Gallegos (1987), malia a escaseza dos materiais utilizados e de ser debuxados polo azar, reflicte unha gran destreza. En 1989 na exposición Expolio (Santiago de Compostela) presentou un conxunto de obras con material descontextualizado que empregou para compoñer imaxes harmónicas e estéticas. En 1993 realiza unha obra marcada polo carácter poético, Little Bang. Nos últimos anos centrouse no estudo da arte e da súa consideración social e comercial, expresadas a partir dunha dose de ironía e de sentido crítico, como en Materiais do Noroeste, Exportación ou Ego te absolvo. A mesma consideración aparece no disco de resina que lanzou ao Océano Atlántico en xaneiro de 1995, Estoy perdido, no me retenga, no que o artista concibía a arte como unha aventura de destino incerto.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Guarda