Barcala, A

Barcala, A

Comarca occidental da comunidade autónoma, asentada sobre o val do río homónimo. Esténdese aproximadamente desde os 42° 45’ aos 43° 05’ de latitude N e desde os 8° 50’ aos 9° 05’ de lonxitude O. Limita ao N coa comarca do Xallas (concello de Santa Comba) e coa de Santiago (concello do Val do Dubra), ao L coa do Xallas (Mazaricos) e coa de Noia (Outes), ao S coas de Noia (Noia) e Santiago (Brión) e ao O coa de Santiago (Brión e Ames). A súa poboación total é de 12.173 h (1998). Abrangue unha superficie de 213,11 km2, o que supón unha densidade de poboación de 59,65 h/km2(inferior á media galega de 93,5 hab/km2). Intégrana só dous concellos: A Baña (98 km2; 5.578 h) e Negreira (115,11 km2; 6.595 h). A vila de Negreira é a rectora da comarca, un dos tradicionais centros de mercado que organiza o sistema rural de Galicia.
Xeografía física
O río Tambre, no seu treito inferior, artella un territorio ondulado no que os seus afluentes forman unha serie de pequenos vales, entre os que o máis importante é o río da Barcala. A comarca está baixo o dominio climático oceánico hiperhúmido, que é característico de boa parte do occidente do país. O réxime térmico é moderado cunha oscilación anual entre os 10°C e os 11°C. A temperatura media anual é de 12,4°C, normal dentro do contexto galego. Dende este punto de vista térmico, os invernos non se prolongan de máis e carecen de rigor excesivo, mentres que o verán vén marcado tamén pola suavidade: ningún mes do ano baixa dos 6°C de media, umbral por debaixo do que se altera fondamente a vida vexetativa das plantas; tampouco se acadan valores medios superiores aos 20°C. O mes de temperaturas medias máis frías correspóndese con xaneiro, con 6,8°C, que xunto con decembro definen unha curta estación fría. A primavera é longa, manifestada en lixeiros incrementos intermensuais. Os meses de temperaturas medias máis elevadas son xuño (18,2°C) e agosto (18,5°C). As precipitacións recollidas rondan os 2.200 mm de media anual, cantidade que se xustifica pola grande influencia exercida polos ventos húmidos procedentes do Océano Atlántico en toda a comarca. Repártense dun xeito bastante homoxéneo ao longo do ano, agás durante o breve período estival, no que se chega a rexistrar un lixeiro déficit hídrico. O número de días de choiva ao ano achégase aos 200. Un total de nove meses, de agosto a abril, superan os cen litros de precipitación, polo que deben ser considerados húmidos. A escaseza de pluviosidade será o distintivo no mes de xullo, único mes de seca. Todos estes valores tenden a agudizarse un pouco consonte se avanza en altitude. As temperaturas descenden varias décimas e as chuvias achéganse a 2.500 mm. A Barcala inclúese na área de lenes montañas e amplos vales da Galicia Occidental. A nivel litolóxico a base son os granitos hercínicos de dúas micas. Desenvólvese nun marco físico docemente modelado, onde as ondulacións topográficas e a ausencia de fortes pendentes ou acusados encaixes da rede fluvial é o característico. Desde o punto de vista morfolóxico distínguense con nitidez dúas unidades básicas, engarzadas entre si sen brusquidades e sen demasiado contraste topográfico. A primeira é a superficie de aplanamento terciario correspondente á superficie de erosión inferior, e a segunda son os vales fluviais conformados polo conxunto dos afluentes do Tambre. A superficie terciaria de aplanamento ocupa tres áreas diferentes da Barcala: o extremo occidental de Negreira, entre o val do río Donas e o límite con Mazaricos; o centro de Negreira, interfluvio Donas-Barcala, onde sobre o nivel medio de 300-400 m destacan varias montañas illadas que poden chegar a superar os 500 m de altitude (monte Arades, 527 m); e ao N do concello da Baña, onde radica o teito altitudinal da comarca (monte de Santa Mariña, 532 m). Entre o conxunto de vales abertos polos afluentes setentrionais do Tambre cómpre salientar o do río Barcala, que de NO a SL sinala o límite entre os dous concellos da comarca, e o do Albariña, iniciado por varios regos que descenden das elevacións da Baña confluíndo nas proximidades da capital do devandito concello. Ambos ríos están preto da vila de Negreira dando lugar a unha importante veiga case plana de altitudes entre os 150 e 200 m. Outros dos vales de importancia son o do Donas e o do rego de Xallas, no occidente de Negreira. Teñen unha extensión máis reducida ca os anteriores e as altitudes tenden a ser lixeiramente superiores. A vexetación natural tapiza unha gran parte da Barcala. Aínda que a ocupación humana do espazo é moi intensa, non chega a cubrir o 50% do territorio. A paisaxe vexetal orixinaria está definida pola presenza de extensos bosques de caducifolios, especialmente carballos, castiñeiros e bidueiros, que deixarían o seu lugar a toxeiras e xesteiras naqueles sectores de forte pendente ou expostos aos ventos. Esta paisaxe foi degradada e substituída por bosques de eucaliptos e de piñeiros que hoxe cobren a maior parte do espazo sen cultivar.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca da Barcala durante o s XX estivo marcada pola diminución da súa poboación debido ao éxodo rural. O proceso migratorio comezou no s XIX, pero foi máis intenso no primeiro terzo do actual século. Os habitantes da Barcala marchaban cara a América: Arxentina, Brasil, Uruguai ou Venezuela. Este movemento de persoas aumentou a partir de 1960, diversificando os destinos cara a Europa Occidental e ás áreas máis desenvolvidas de Galicia e do estado español. Especialmente significativo foi o fluxo dirixido a Suíza, Alemaña, Arxentina e Venezuela. En Galicia foron as cidades da Coruña e Santiago de Compostela as principais receptoras de emigrantes da Barcala. O subemprego agrario e o crecemento natural da poboación foron as causas da emigración. O número de habitantes baixou no val do Barcala nese período. De todos os xeitos, cómpre diferenciar a evolución da vila de Negreira con respecto ás demais parroquias da comarca. A vila medrou ata superar os máis de 2.000 h ao remate do s XX. Os cambios socio-económicos e o desenvolvemento urbanístico levaron consigo o despoboamento rural e a concentración na vila. Un fluxo de inmigrantes superior ao de emigrantes permitiu a concentración urbana no término. O crecemento demográfico de Negreira foi especialmente forte dende 1986, coincidindo coa relaxación da emigración, malia a caída da natalidade. Nas demais parroquias, pola contra, a evolución demográfica foi de despoboamento continuo. Os seus habitantes abandonaron as aldeas na procura de mellores oportunidades de vida nas áreas urbanas. Na actualidade a poboación da comarca caracterízase polo recorte da natalidade e polo seu avellentamento, produto da emigración nas décadas pasadas dos máis novos, o que imposibilitou a substitución xeracional e causou o despoboamento de moitas aldeas. Esta situación de crise demográfica é común en moitas das comarcas do interior galego, sendo tamén frecuente que se combine co pulo dunha vila que, como Negreira neste caso, exerce o papel de cabeceira comarcal.
Xeografía económica
A comarca da Barcala é unha área basicamente rural, na que a principal actividade económica é a gandería bovina cunha orientación fundamentalmente láctea. A ordenación do marco físico barcalés e as condicións climáticas permiten facer rendible case todo o territorio para a explotación agrícola. Hai excelentes terreos para millo, forraxeiras e prados, que medran doadamente case todo o ano. Baseándose neste marco físico, hai na comarca 15.681 ha de superficie agraria útil: 1.437 ha adicadas a labranza (o 9,16% do total), 5.608 ha adicadas a pastos permanentes (35,76%), 5.651 ha adicadas á explotación forestal (36,04%) e 2.985 ha dedicadas a outros usos (19,04%). As explotacións agrarias experimentaron unha modernización e unha transformación dos sistemas produtivos desde cultivos tradicionais cara a unha especialización case exclusiva nas explotacións de gando vacún leiteiro. Na comarca hai 2.584 explotacións agrícolas das que soamente dúas non posúen terra. Estas explotacións divídense en 23.687 parcelas. Na distribución do censo das cabezas gandeiras apréciase o predominio do bovino (11.196 reses) fronte ao ovino (170), ao caprino (10) ou ao equino (22). En menor medida, e circunscritas a un ámbito doméstico para autoconsumo, están as aves (408) e os porcos (933). A constitución da cooperativa Feiraco, radicada na comarca, foi o motor de cambio nas economías familiares agrarias. A tecnificación das explotacións xunto coa modernización produtiva e a orientación mercantil impulsada por Feiraco, permitiu incrementar o nivel de vida de moitas familias labregas. Isto fixo rendibles unhas explotacións agrogandeiras que ata entón tan só facilitaban unha precaria subsistencia da unidade familiar. Non obstante , este proceso tamén supuxo o descenso do emprego agrario e do número das explotacións, ao tempo que medraban cada vez máis a cantidade de cabezas de bovinos. A tecnificación e a competencia mercantil foron as causas desta evolución. A adaptación das explotacións gandeiras ás imposicións da entrada de Galicia na Unión Europea provocaron un novo salto cualitativo para a súa tecnificación e para que o seu número sexa cada vez máis reducido. A tendencia é o fortalecemento das empresas capaces de acadar a cota láctea necesaria para o seu desenvolvemento económico mentres desaparecen as pequenas explotacións. Ao mesmo tempo, na economía da comarca tivo lugar unha diversificación socio-económica derivada da multiplicación do emprego non agrario. Son moitos os veciños da Barcala que se desprazan diariamente fóra da comarca, principalmente á cidade de Santiago de Compostela ou a outros núcleos urbanos menores, a sectores como a construción, a industria ou os servicios. O habitual é que as unidades familiares combinen diferentes fontes de ingresos: traballo asalariado, subsidios de desemprego, pensións de xubilación e rendementos das explotacións agropecuarias. Ademais, Negreira confirmou a súa función de centro de servicios comarcal. Este núcleo urbano tradicional é cabeceira de partido xudicial e doutros servicios públicos. Como outras moitas vilas do interior de Galicia, Negreira dispón de comercios e de servicios de todo tipo, (asistenciais, financeiros, xurídicos, sanitarios, etc) que a converten nun espazo urbano no que o emprego terciario é o máis importante. A rede de estradas ten unha reducida densidade e a comarca non se inclúe dentro das principais vías de comunicación de Galicia. De feito só destacan tres estradas comarcais (C-450, C-463 e C-450) que a percorren. Non obstante , prolifera unha tupida rede de vías locais, cunha densidade que está en función do poboamento.
Historia
O mapa xurisdicional da comarca da Barcala distribuíase durante o Antigo Réxime entre o conde de Altamira e o arcebispo de Santiago. Antes das reformas do 1833, coa creación do actual Partido Xudicial de Aro en Negreira, dividíase en dous partidos: Barcala de Arriba e Barcala de Abaixo. Os dereitos señoriais a pagar polos veciños eran de dous tipos, derivados do exercicio da xustiza e da administración do concello e do cobro de determinadas cantidades por títulos diversos, pero en todos os casos derivados do concepto de señorío. As dimensións e a parcelación das explotacións agrarias demostran que xa a finais do século XVI a comarca estaba dominada polo minifundio e que este se foi agravando progresivamente. Os campesiños locais souberon aproveitar sempre todas as posibilidades que lles ofrecía a agricultura e a gandería en cada momento, non obstante a comarca nunca conseguiu liberar excedentes importantes e capaces de ser investidos en pequenas industrias. A resposta dada no pasado a estes problemas foi sempre a emigración, ben a Castela, Portugal e Andalucía antes de mediados do século pasado ou ben cara a América desde finais tamén do s XIX. Nos tempos da Guerra Civil española (1936-1939) e da inmediata posguerra, a comarca coñeceu unha intensa crise que desembocou nun novo e espectacular pulo migratorio coa apertura das fronteiras a partir de 1950. Posteriormente, a paulatina modernización da agricultura da comarca posibilitou a súa transformación nunha área rural tecnificada e centrada en sectores produtivos con fins mercantís. Do mesmo xeito a vila de Negreira coñeceu un espectacular crecemento demográfico e urbanístico desde a década de 1960. Nela a actividade edificatoria foi continua a expensas dos cartos da emigración e do seu desenvolvemento como cabeceira de servicios e de comercio. A Barcala conserva un valioso patrimonio artístico, entre o que hai que destacar as igrexas románicas de Santa Eulalia de Lañas, San Xoán da Riba, Santa María de Troitosende, San Pedro de Gonte, San Estevo de Landeira e Santa María de Portoro. Tamén cómpre sinalar os pazos de Cotón, Logrosa, Liñaio, Xallas de Porquira, Broño, Bugallido, Portor, Corneira, Ordoeste, San Xoán de Barcala, San Cibrán de Barcala, Barro e A Baña. Ademais a Barcala é unha comarca rica en tradicións, en folclore e en mostras da arquitectura popular: hórreos, muíños, pontes, pombais e sitios etnolóxicos de interese.
Configuración comarcal
No caso da Barcala, os caracteres físicos son os máis determinantes á hora de configurar a súa identidade comarcal. O val do Barcala artella todo o territorio e a homoxeneidade da paisaxe contribúe a definila como unha comarca natural. O papel reitor que asume a vila de Negreira como núcleo dos servicios básicos é un elemento máis para fortalecer a súa unidade. Tan só a proximidade da cidade de Santiago de Compostela, coa súa maior capacidade de oferta, introduce un elemento de competencia que, sen embargo, non perturba un sentimento que se manifestou á hora de establecer o mapa comarcal de Galicia. No proxecto orixinal elaborado pola administración autonómica, os concellos da Baña e de Negreira estaban integrados na comarca de Xallas. A reivindicación conxunta logrou que na demarcación final (1997) a comarca da Barcala vise recoñecida a súa entidade administrativa.