Barcalés, El
Publicación de carácter mensual aparecida por primeira vez no mes de xaneiro de 1911. Segundo o seu subtítulo era o “Órgano de la Liga Barcalesa. Defensor de los intereses de Barcala”, vencellado por tanto a esa organización de carácter agrarista. Tivo como director a Víctor García Ferreiro. A súa distribución era gratuíta entre os socios residentes en Barcala, e realizábase normalmente os últimos días de cada mes. Non tiña nunca máis de dezaseis páxinas nin menos de catro, e carecía de publicidade. Tratábanse nas súas páxinas diversos temas: a emigración, o momento político, as actividades da Liga e novas tratadas en ton humorístico. Estaba redactada case integramente en castelán aínda que ás veces aparecían colaboracións en galego, principalmente da man do seu director. Algunhas colaboracións destacables foron asinadas por Eloi Páramo e por Salvador Cabeza de León, quen fora alcalde de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Gallega.