Barceló i Artigues, Miquel
Pintor. Estudiou Artes e Oficios en Palma de Mallorca (1972-1973) e en 1974 trasladouse a Barcelona para estudar na Escola Superior de Belas Artes onde permaneceu un ano. A súa primeira exposición individual é de 1974. Colaborou co grupo Neon de Suro. En 1981 participou na Documenta 7 de Kassel, con obras a medio camiño entre o neoexpresionismo e a art brut. En 1983 estableceu a súa residencia en París, combinándoa con estancias en Portugal (1984) onde pintou ao aire libre, no seu taller de Artá (1986) e en diversos países africanos. En 1988 viaxou a Mali e realizou obras de pequeno formato que recolleu no libro Miquel Barceló in Mali (Miquel Barceló en Mali, 1989). A súa temática céntrase nas figuras humanas, as naturezas mortas, paisaxes e alegorías literarias. Realiza lenzos de gran tamaño, empregando materias pitóricas e elementos de desfeito a xeito de collage, pero tamén experimenta outras técnicas coma o fresco. Ademais de adicarse á pintura traballou na realización de decorados, vestidos e marionetas do Retablo de maese Pedro de Manuel de Falla, para a Ópera cómica de París e ilustrou libros con Paul Bowles: La Boucle du Niger (A curva do Níxer, 1991), Too far from Home (Demasiado lonxe de casa, 1992). En 1994 publicou un libro erótico para cegos: Tendes desmutandes (Tendas desmontadas), con textos en Braille da obra de E. Barcan El mundo desconocido de las percepciones. Realizou tamén esculturas en bronce de temática figurativa. Celebráronse exposicións restrospectivas da súa obra no CAPC de Burdeos, no Palacio Velázquez do Retiro, Madrid (1985) e na Whitechapel Art Gallery (Londres, 1994). En 1996 tiveron lugar dúas exposicións paralelas en París, na Jeu de Paume, de pintura, e no Gabinete de Artes Gráficas do Centre Pompidou, de debuxos, teas e terracotas. En 1986 foi Premio Nacional de Artes Plásticas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Felanitx