Barcelona

Barcelona

Capital da provincia homónima e da Comunitat Autònoma de Catalunya, á beira do mar Mediterráneo (1.508.805 h [1996]). Aséntase sobre unha chaira que abrangue 170 km2, dos que 60 km2 pertencen ao concello de Barcelona, (os 2/3 da superficie municipal). Ao NO, a serra de Collserola pecha o termo con altitudes superiores aos 500 m (Tibidabo 512 m). Tanto ao NL como ao SO a chaira continúa polos deltas do Llobregat e do Besòs, favorecendo o espallamento da urbanización nos concellos veciños. Situada a 41° 20’ de latitude N está baixo un dominio climático mediterráneo marítimo, con temperaturas suaves no inverno e veráns calorosos e sen precipitacións, que acadan os máximos entre setembro e outubro. A humidade relativa é alta e constante ao longo do ano (70%). O núcleo da cidade moderna, que abrangue o antigo recinto amurallado, L´Eixample, iniciado en 1860, e a coroa de municipios agregados contra o remate do s XIX, foise expandido progresivamente ata formar un conxunto urbano moito máis amplo e de difícil delimitación. A estrutura urbana de Barcelona responde a catro etapas do seu desenvolvemento. O núcleo primitivo, establecido sobre o monte Tàber e cinguido polas murallas romanas, acolle a actual praza de Sant Jaume, onde se atopan a casa do concello e o Palau de la Generalitat, sede do goberno autonómico. No interior do chamado Barrio Gòtic sitúanse as principais edificacións medievais, coa catedral e o pazo arcebispal. Esta zona posúe un peculiar ambiente comercial, con pequenos obradoiros artesanais, librerías e anticuarios. En segundo lugar, queda o resto do antigo recinto intramuros, cos barrios máis comerciais e coidados da cidade vella: a Rambla, o paseo máis característico da cidade; o Raval; a Ciutadella. A carón da costa, no barrio de la Ribera, érguese a igrexa gótica de Santa María del Mar. As murallas foron derrubadas no 1854, principiando un proceso de expansión que deu lugar a un terceiro sector, L’Eixample, construído segundo o plano que o enxeñeiro Ildefonso Cerdà proxectou en 1859. O deseño, materializado maioritariamente entre 1860 e 1930, consistía nun trazado hipodámico con mazás de 100 m de longo por 100 m de largo. A avenida Diagonal divide neste sentido o ensanche en dous sectores, facilitando un tránsito rápido polo seu interior. L´Eixample converteuse nun barrio burgués, habitado por residentes de alto poder adquisitivo, en consonancia coa carestía dos inmobles. Un último sector é o do litoral, onde se localizan barrios construídos no s XX cun marcado perfil proletario dos seus habitantes (Poble Sec, Hortes) e o de Montjuïc, montaña urbanizada para a celebración da Exposición Universal de 1929 e obxecto dunha intensa remodelación co gallo dos Xogos Olímpicos de 1992. O crecemento de Barcelona estendeuse sucesivamente ás aldeas e vilas que a circundaban. Ao entrar en contacto, a simetría cartesiana dominante no deseño de Cerdà desapareceu. Deste xeito aparecen barrios obreiros como o Poblenou ou El Bon Pastor, nos que os usos industrial e residencial se confundían no mesmo espacio. No extremo suroccidental, en Sarrià ou Pedralbes, as clases máis acomodadas estableceron as súas residencias ao abeiro dun contorno máis salubre. Polo que respecta á evolución demográfica, a crise económica internacional da década de 1930 e a Guerra Civil española (1936-1939) detiveron o crecemento ata 1950, data na que iniciou un novo período de expansión, que chegou ao seu cénit contra o 1968. Barcelona era entón a porta de entrada dunha corrente inmigratoria procedente das rexións máis depauperadas do estado, que se distribuía posteriormente por toda Catalunya e especialmente polos concellos da súa periferia industrial, que foron os que máis experimentaron este proceso. Dende 1970, a poboación barcelonesa sufriu un estancamento motivado por dous factores fundamentais: a caída do crecemento vexetativo, orixinado pola baixada da taxa de natalidade, e o saldo migratorio negativo. Respecto ao segundo, a desconcentración industrial cara aos concellos periféricos, a crise das industrias tradicionais, e o progresivo encarecemento do custo da vida na cidade, son as causas que poden explicar esta evolución. As industrias que aínda permanecen nos límites do municipio concéntranse nas instalacións da Zona Franca. Barcelona é o centro da principal rede industrial do estado. Os sectores máis relevantes da área metropolitana son a metalurxia (que emprega ao 31% dos traballadores industriais), o téxtil e a confección (16%), o químico (15%) e o do papel e das artes gráficas. O traslado das instalacións fabrís aos municipios veciños acentuou a terciarización económica do concello, o que significa os dous tercios dos empregos. O comercio é o maior segmento dentro dun sector servicios moi diversificado (ensino, finanzas, transportes, sanidade e administración pública). Pola súa parte a construción ocupa ao 2% dos traballadores. Malia ser unha cidade portuaria, na pesca só traballan unhas 400 persoas (0,08% dos activos). O porto actual é produto das obras realizadas entre 1870 e 1926, cando se acometeu a ordenación das infraestruturas herdadas dende o s XV. No 1438 os consellers da cidade obtiveron o permiso real para a construción do porto. A súa principal función é a comercial.
Historia
A primeira ocupación documentada no territorio de Barcelona é unha serie de poboados establecidos ao longo da Serralada Litoral durante os ss VII e VI a C. Este conxunto de poboados formaban parte das tribos ibéricas laietanas; sen embargo, ningún deles destacou dabondo como para afirmar que a cidade de Barcelona ten unha orixe ibérica. Así mesmo, as recentes escavacións fan pensar que foron os romanos os primeiros que se estableceron de xeito continuado no territorio de Barcelona, cando fundaron no monte Taber a colonia Iulia Augusta Paterna Faventia Barcino, para acoller os licenciados das guerras cántabras. A cidade estivo rodeada por unha muralla da época augusta e contaba cun templo dedicado a Augusto, unhas termas e dous acuedutos que abastecían de auga o núcleo urbano. O momento de maior prosperidade durante a romanización foi durante o s II d C. Cara ao ano 260 foi invadida polos alanos, que non puideron expulsar ata o reinado de Claudio (268-270). Neste momento é cando xurdiron as primeiras comunidades cristiás, sendo o primeiro bispo Pretextado, aínda que o primeiro grande animador cultural nunha época de crise social e política foi o bispo Paciano (s IV). No ano 415 Ataúlfo fixo de Barcelona a capital do reino visigodo, se ben durante o resto dese período permaneceu baixo a dependencia de Tolosa ata que recuperou a capitalidade entre o ano 531 e o 548, durante o reinado de Teudis, quen desprazou os visigodos cara á Península. Barcelona foi conquistada polo visir al-Hurr no 717, momento no que se incorporou ao mundo islámico, aínda que se mantiveron as autoridades civís e eclesiásticas anteriores. A raíz da proclamación da independencia do Califato de Córdoba, o valí de Barcelona solicitou axuda a Carlomagno para emanciparse de Córdoba, que foi conquistada por un exército aquitano no ano 801. Nese momento nomeouse gobernador ao conde godo Berá e o bispado barcelonés pasou á dependencia do metropolitano de Narbona. A cidade foi durante varios séculos a praza forte máis importante da fronteira meridional do reino franco e centro do condado de Barcelona, malia que foi arrasada polos musulmáns no ano 852 e no 985, cando Almanzor ocupou Barcelona durante seis meses. Aproveitando o debilitamento do califato de Córdoba e a crise do reino franco, Barcelona converteuse na capital dun estado independente de feito. No aspecto económico, Barcelona enriqueceuse sobre todo a partir do s XII, cando os condes de Barcelona aumentaron as parias que cobraban aos reinos de taifas. Estes tributos e o comercio cos territorios fixeron de Barcelona a porta de entrada do ouro a Europa occidental e unha cidade de crecente importancia naval. En canto á estrutura social do momento, a clase máis poderosa era a formada polos cidadáns burgueses, dedicados principalmente ao comercio marítimo. Por baixo, quedaban os menestrais, os campesiños e os mariñeiros. Así mesmo, había unha forte presenza de eclesiásticos, nobres, militares e comunidades de xudeus e estranxeiros vinculados á importancia naval da cidade. No s XIII, Barcelona converteuse na residencia habitual da corte e, polo tanto, nun espazo decisivo nas actividades do estado e nas relacións internacionais; ademais, coincidindo coa política de expansión marítima iniciada por Xaime I, Barcelona transformouse no punto de distribución cara ao interior das mercadorías de luxo procedentes de Oriente. Así mesmo, durante o s XIII aumentou a importancia dos xuristas e dos mestres, dos notarios, dos escribáns e dos nobres e cabaleiros. A clase artesá, cada vez máis numerosa e organizada, foi recoñecida legalmente nas constitucións de paz do ano 1200. A industria téxtil foi importante dende o primeiro momento, así como a fabricación de armas e a construción naval. Por outra banda, a introdución de novas ordes relixiosas (dominicanos, franciscanos, bieitos, clarisas, etc) estivo na orixe dunha profunda transformación da igrexa barcelonesa. O estatuto municipal de Barcelona, malia que existían estruturas de representación cidadá dende o s XI, fixouse definitivamente no ano 1274. Durante o s XIV, Barcelona foi o núcleo integrador dunha potencia esencialmente mediterránea; a burguesía barcelonesa compartía os intereses da monarquía, tanto nos seus conflitos interiores coa nobreza como nas guerras de conquista (Sicilia, Sardeña, Córcega, Grecia), que ofrecían novos puntos de apoio ao comercio e melloraban as súas posicións diante de Xénova. É nese contexto cando se procede á creación do Consulado do Mar no ano 1347, á organización definitiva das corporacións artesanais e ao desenvolvemento das institucións municipais: créanse os cargos de síndico, avogado da cidade e escribán, e auméntanse as prerrogativas dos conselleiros. A partir da crise de subsistencia, que provocou a fame do 1333, e da propagación de numerosas pandemias, que comezaron coa Peste Negra de 1348, comezou o estancamento demográfico e económico da cidade. O endebedamento da monarquía catalá e a especulación da oligarquía barcelonesa provocou a ruptura entre ambos, que culminou cando no 1386 Pedro III suspendeu as eleccións de conselleiros. Por consecuencia desta decisión, desatáronse os primeiros disturbios urbanos (saqueo da xudería no 1391), duramente reprimidos, e que deran lugar no ano 1401 á prohibición do asentamento permanente dos xudeus en Barcelona. Os primeiros anos do s XV estiveron marcados pola continuidade das tensións entre a coroa e a cidade de Barcelona, que deixou de ser o centro financeiro (o comercio cesou no ano 1449 a favor de València) e político (a corte trasladouse a Nápoles no 1442) da monarquía. Así mesmo, debido ao profundo malestar social, a cidade dividiuse en dúas grandes faccións políticas: a Biga, que agrupaba os cidadáns honrados e os mercadores ricos e defendía que a saída da crise non consistía en desvalorizar a moeda e adoptar medidas proteccionistas, e a Busca, que agrupaba os artesáns, unha parte dos artistas e algúns mercadores, e defendía xustamente o contrario. Afonso V de Aragón estableceu no ano 1454 unha nova constitución para o concello que outorgaba á Busca a primacía no goberno da cidade; en oposición, a Biga apoderouse do seu dominio tradicional: a Generalitat. Logo do triunfo da Busca, desvalorizouse a moeda e establecéronse medidas proteccionistas. Non obstante , o fracaso desas medidas desenganou o pobo, que apoiara ata ese momento á Busca. Aproveitando ese desengano e as rivalidades que afectaban aos membros da familia real, a Biga procurou recuperar o poder: os seus partidarios tomaron pola forza o goberno da cidade e, escudados na Generalitat, levantáronse en armas contra Xoán II. Logo dun longo asedio, a clase dirixente da cidade aceptou asinar a capitulación de Pedralbes (16.12.1472), que malia non estar asinada pola Generalitat, puxo fin á guerra. Despois destes feitos, Barcelona acadou o seu punto máis baixo na crise económica, agravada polo caos xurídico e financeiro. Fernando II estableceu de xeito permanente o cargo de lugartenente da cidade e instalou a Inquisición, feito que provocou importantes fuxidas de capital; así mesmo, malia as políticas proteccionistas, a crise perdurou, agravada polo abandono das representacións consulares e a vitalidade dos comerciantes xenoveses e provenzais. A recuperación da cidade principiou no ano 1503, cando se intensificou o comercio con Castela, feito que supuxo unha reactivación dos sectores produtivos da cidade que se sostiñan só co comercio coas illas, e incrementouse a actividade construtora. Dende o ano 1498, ademais, instaurouse un novo sistema de organización municipal (insaculación), que supuxo a despolitización do concello, aplicado a todos os oficios e cargos municipais. A insaculación, que tiña a vantaxe de impedir a perpetuación das oligarquías urbanas, mantívose ata o decreto de Nova Planta. Esta nova situación, que implicou unha forte estratificación social e o xurdimento dunha nova clase social, os funcionarios municipais, provocou novas tensións sociais que non se resolveron pola vía das rivalidades entre partidos senón coa aparición das bandas armadas dentro da mesma cidade cara ao ano 1520, cando estoupou a revolución dos axermanados. Durante o s XVI persistiron as crises cíclicas de fame (provocadas polo pésimo abastecemento de trigo que tiña a cidade) e peste, agravadas pola presenza de piratería nas costas catalanas e pola decadencia definitiva do comercio mediterráneo. Non obstante , o mercado castelán e americano reactivaron a actividade industrial, sobre todo a téxtil, e a vida gremial acadou o seu máximo nivel. Por mor das crises feirais de Castela (1564-1574) e Lyon (1575), produciuse un retroceso na economía barcelonesa. O mercado de metais entre Castela e Xénova a través de Barcelona derivou nun relativo pulo da actividade comercial e industrial que desenvolveu un sector extragremial e sentaba as bases do novo modo de produción capitalista. No ano 1591, sen embargo, apareceron novos síntomas de recesión do comercio, que xunto coa industria, sufriu as consecuencias da desorde monetaria e da competencia estranxeira durante os cincuenta anos que precederon á revolta de 1640, durante a que a Generalitat pactou con Luís XIII de Francia. Nos doce anos que durou a guerra, os franceses controlaron o goberno da cidade e monopolizaron o comercio catalán; así mesmo, a guerra trouxo como consecuencia a inflación monetaria e un grande endebedamento. Despois da capitulación de 1652, Barcelona, que comezaba a saír da crise na que se atopaba, viuse de novo afectada pola guerra hispano-francesa de final de século (bombardeo de 1691 e asedio de 1697). Con todo, o tráfico marítimo da cidade comezou a progresar nos primeiros anos do s XVIII, feito que deu novo pulo á renovada actividade industrial da cidade, que conseguía abastecer o mercado catalán. No ano 1701, cando Filipe de Borbón chegaba ao poder, tiveron lugar os primeiros incidentes que levaron os barceloneses a apoiar a Carlos de Austria, a quen recoñeceron como Rei Carlos III, en 1705, na Guerra de Secesión. A crise provocada por esta situación chegou á súa fin cando as tropas filipistas iniciaron o ataque final o 11 de setembro de 1714. Unha vez resolto o conflito pola vía militar viñeron as medidas políticas: substitución de todos os cargos municipais, decreto de Nova Planta, a Real Cédula Instrutoria, etc. O tratado de paz entre Filipe V e o Emperador Carlos VI (1725) puxo fin á situación represiva na cidade, feito que permitiu unha recuperación demográfica e económica da cidade. A raíz das medidas proteccionistas de 1728, que prohibían a importación de tecido de algodón e de manufacturas indianas, desenvolveuse a industria téxtil, sobre todo algodoeira, en Barcelona. Así mesmo, algúns gremios transformaron cada vez máis o seu sistema de produción de acordo coas novas necesidades, xurdindo a industria do vidro, do calzado, do xénero de punto ou da confección. No ano 1740, en plena guerra atlántica, organizáronse as primeiras expedicións a América; no 1756 fundouse a Real Compañía de Comercio de Barcelona e no 1778 liberouse o comercio americano, que estivo sempre afectado polos conflitos con Inglaterra, reduciuse a partir da Guerra da Independencia norteamericana e desapareceu despois da desfeita de Trafalgar. A perda do mercado americano viuse relativamente compensado co castelán, sendo nese momento cando se iniciaba a construción da estrada que unía Barcelona con Madrid. Paralelamente ao comercio marítimo e ao desenvolvemento industrial apareceron en Barcelona as primeiras entidades bancarias e aseguradoras marítimas a finais do s XVIII. Este rexurdir da economía barcelonesa provocou tamén o aumento dos alugueres, a especulación sobre os terreos e o boom da construción urbana. Estas transformacións económicas supuxeron un cambio na intervención de diversos estamentos da vida cidadá. A maxistratura municipal foi perdendo incentivo para os aristócratas que, nalgúns casos, se ligaron a empresas mercantís, aínda que non ao proceso de industrialización. O antigo patriciado urbano -os cidadáns honrados- fundiuse, de feito, cos antigos mercadores e cun pequeno sector da nobreza, na nova clase de comerciantes. Dos comerciantes enriquecidos xurdiu a clase dos empresarios industriais. Durante a crise de 1808 Barcelona foi unha das primeiras prazas fortes da Península Ibérica onde se estableceu o exército napoleónico e en xaneiro do 1812, cando Catalunya foi anexionada ao Imperio francés, Barcelona converteuse na capital do departamento de Montserrat. En 1814 restituíuse o goberno municipal de 1808, restaurouse a Inquisición e, en xeral, retornouse ao réxime absolutista. No aspecto económico a reactivación foi difícil, xa que a revolta das colonias levara á perda do mercado americano continental; así mesmo, os grupos económicos que ascenderon durante a ocupación francesa mantivéronse en lugares privilexiados. A crise económica e o crecemento do liberalismo manifestáronse a través do incorformismo de amplos sectores da poboación que esixían reformas económicas e políticas. O Trienio Constitucional (1820-1823) trouxo algunhas desas reformas: elección dun novo goberno municipal, retorno dos exiliados, reapertura da Universidade, etc, que quedaron suprimidas cando as tropas dos Cen Mil Fillos de San Luís ocuparon Barcelona o 4 de novembro de 1823 e restauraron o Absolutismo: os franceses ocuparon militarmente a cidade, restableceron o goberno municipal anterior ao Trienio, suprimiron a Universidade, restauraron as ordes relixiosas e a milicia popular foi disolta. Así mesmo, a ocupación francesa foi negativa para o comercio e a industria téxtil barcelonesa. En 1827, logo da revolta dos malcontents, Fernando VII entrou triunfalmente en Barcelona e deixou no goberno da cidade o conde España, que iniciou unha nova etapa de represión e crueldade que rematou coa chegada do xeneral Llauder (1832). En 1833 Barcelona converteuse na capital dunha das catro provincias en que foi dividido o Principado. O mundo dos negocios e da actividade industrial, reactivados relativamente a partir de 1827, sufriron en 1834 unha forte contracción agravada pola pandemia de cólera. Neste contexto, a liberdade de industria, promulgada en 1834, e a perda definitiva dos privilexios dos colexios e gremios, foron ben recibidos polos burgueses locais. Non obstante , a crise económica e laboral provocou un clima tenso e anticlerical, que provocou unha queima xeneralizada de conventos en 1835. Cara ao fin do 1836, dentro dun clima predominantemente progresista, produciuse en Barcelona un movemento extremista que propugnaba a revolución social e a independencia de Catalunya. En 1842 a burguesía barcelonesa, que apoiara a Espartero, afastouse del debido ao seu apoio ao librecambismo e á política centralizadora; iniciouse unha nova crise económica e aumentou a axitación social (grans bullangues). Cara ao ano 1844 iniciouse un período de gran prosperidade para a burguesía barcelonesa: nova etapa expansiva da industria algodoeira, caracterizada pola concentración empresarial, a expansión do vapor e, en xeral, a mecanización; a industria da la iniciou tamén un período de expansión; a industria metalúrxica incrementouse coa instalación de novos obradoiros e as institucións de crédito multiplicáronse. Entre os anos 1838 e 1868 a burguesía barcelonesa gozou dun primeiro momento de plenitude; estaba formada polas vellas familias da aristocracia mercantil urbana, polos industriais do algodón e do ferro, polos propietarios de terreos e polos indianos. A partir de 1839 foi posible a constitución legal das primeiras asociacións obreiras. Malia a recuperación económica, o malestar social foi unha constante, pero adoptou novas formas de expresión (primeira folga xeral de Sants en 1854). Despois do pronunciamento de O´Donnell, que deu paso ao Bienio Progresista (1854-1856), produciuse a insurrección dos obreiros e dos progresistas que derivou nun movemento popular que, en 1856, promoveu unha folga xeral en toda Catalunya e, sobre todo, en Barcelona. A represión desas xornadas revolucionarias motivou a prohibición das asociacións obreiras. A crise industrial iniciada en 1861, que chegou ao seu punto máximo en 1866 coincidindo cunha crise da bolsa, a guerra en Perú e Chile, e a pandemia de cólera de 1865, desencadeou un clima revolucionario. No ano 1868, o pobo de Barcelona decantouse por posicións republicanas e federalistas, que en 1869 desencadearon unha insurrección federalista que foi duramente reprimida. Con todo, os sectores máis extremistas chegaron a proclamar o estado catalán, aínda que a proclama foi retirada axiña. En 1874, unha vez restaurada a monarquía, o capitán xeneral Martínez Campos ordenou a concentración de tropas en Barcelona, destituíu o gobernador civil, o concello republicano, e disolveu a Internacional. A clase obreira, sen embargo, respondeu cunha folga xeral que rematou con duros enfrontamentos co exército. A nova política económica deseñada por Cánovas del Castillo supuxo un novo período de florecemento industrial en Barcelona. Durante este período de prosperidade continuou o desenvolvemento da industria téxtil, metalúrxica e química, e creáronse as primeiras compañías de electricidade e navieiras; así mesmo, neste período fundáronse, ao carón do Banco de Barcelona, numerosas entidades bancarias e outras sociedades mercantís. A partir do ano 1890 os anarquistas, que dominaban o movemento obreiro, iniciaron a acción directa revolucionaria (bomba do Liceo e atentado da rúa Canvis Nous). Nese mesmo período, o Catalanismo penetrou e dominou as institucións e corporacións municipais. En 1901 os anarquistas convocaron unha folga xeral que resultou un absoluto fracaso, repetido en 1902, o que provocou unha forte desilusión no movemento obreiro, que foi aproveitada polo político Alejandro Lerroux; o Catalanismo, sen embargo, avanzaba notablemente estimulado polo fracaso colonial e pola consecuente crise económica, e triunfou nas eleccións municipais de 1905. En 1907, coa fundación de Solidaritat Obrera tomou novo impulso o movemento obreiro que, en 1909 estaba en condicións de promover unha nova folga xeral contra a mobilización da Guerra de Marrocos que se coñece como Semana Tráxica de Barcelona. A represión, ordenada polo goberno de Madrid e aceptada pola burguesía barcelonesa, supuxo o encarceramento e confinamento de anarquistas, dirixentes obreiros e republicanos, e a clausura de entidades consideradas subversivas. No ano 1911 fundouse a Confederación Nacional del Trabajo e revitalizouse o Lerrouxismo. En 1914 constituíuse a Mancomunitat de Catalunya, o que permitiu que Barcelona recuperase a capacidade administrativa do Principado, e como consecuencia da Guerra Mundial converteuse nunha cidade opulenta; sen embargo, a contracción do mercado europeo logo da Paz de Versalles, provocou unha crise económica que en 1920 deu na espectacular caída do Banco de Barcelona. Coincidindo coa crise da Restauración (1919-1923), fortaleceuse o Catalanismo e o Anarquismo, feitos que motivaron o recrudecemento das tensións sociais na rúa: son os anos en que os patróns eran víctimas de atentados anarquistas e os sindicalistas morrían asasinados a mans de pistoleiros profesionais. Esta situación foi aproveitada polo capitán xeneral de Catalunya, Miguel Primo de Rivera, que se pronunciou contra o goberno de Madrid dende a capitanía de Barcelona e, unha vez que asumiu o Directorio militar (1923-1930), iniciou unha época de represión de extrema dureza. Despois da fin da ditadura, recuperáronse as institucións municipais de 1923 e convocáronse eleccións para o 12 de abril de 1931, gañadas por Esquerra Republicana de Catalunya. O día 14 Companys proclamaba a República dende a casa da cidade e Macià a República Catalana dentro da República Federal española. Coa aprobación do Estatut d´Autonomia o 24 de setembro, Barcelona converteuse na capital política de Catalunya, sede do goberno e do parlamento. En outubro de 1934, Barcelona volveu ser o centro dun movemento revolucionario durante o cal o presidente Company proclamaba o Estat Català dentro da República Federal española. O alzamento militar do día 17 de xullo en Marrocos, espallado pola Península ao día seguinte, foi neutralizado en Barcelona o día 19 de xullo; acabadas as loitas na rúa, os medios de produción foron colectivizados e o réxime das empresas foi regularizado polo decreto de colectivización do 24 de outubro de 1936. Barcelona convertérase nunha cidade proletaria na que os anarquistas, malia ser minoría no Concello e na Generalitat, tiñan o poder na rúa e na maioría dos centros de produción. Esta situación durou ata o mes de maio de 1937, momento no que se produciu un enfrontamento entre a coalición gobernamental (Esquerra Republicana de Catalunya, Estat Catlà, UGT e o Partit Socialista Unificat de Catalunya), a CNT, a FAI e o Partir Obrer d’Unificaciò Marxiste. O triunfo gobernamental, que supuxo o reforzamento do PSUC, provocou a liquidación do POUM, a desaparición das patrullas de control, as milicias do partido e o control gobernamental da industria de guerra. Durante o ano 1937 instalouse en Barcelona o goberno do País Vasco e da República. O 23 de xaneiro de 1939 entraron en Barcelona, sen loita, os corpos do exército marroquí e de Navarra. A partir do 26 de xaneiro de 1939, Barcelona perdeu todas as conquistas sociais, económicas e políticas que adquirira durante o período republicano. Barcelona perdeu novamente a capitalidade do Principado, suprimíronse numerosas institucións e o catalán deixou de ser lingua oficial do concello. No eido económico, anulado o decreto de colectivización de 1936, as empresas retornaron aos seus anteriores propietarios. No aspecto urbanístico, o franquismo caracterizouse pola liquidación da revolución urbana; malia as destrucións ocasionadas pola guerra, a construción mantívose moi limitada e os prezos incrementáronse. O problema habitacional, o caos urbanístico e a inmigración, animaron a aprobación de diversos plans urbanísticos a partir de 1953 co obxecto de ordenar o conxunto de Barcelona e o territorio circundante. Coa chegada da democracia, entre 1976 e 1992 modificouse o urbanismo barcelonés, que priorizou a rede viaria e o equipamento urbano de uso público, ademais a celebración dos Xogos Olímpicos en Barcelona (1992) supuxo o pulo definitivo para a reordenación urbana. Dende 1982 o alcalde de Barcelona foi Pasqual Maragall, que gobernou xunto cos comunistas, ata que dimitiu do seu cargo en 1998 e foi substituído por Joan Clos.