Barcelona, Vila Olímpica de
Barcelona, Vila Olímpica de
Nome co que se coñece o barrio residencial destinado a aloxar os participantes nos Xogos Olímpicos de Barcelona (1992). Construíuse no Poble Nou, nos terreos comprendidos entre o trazado da vía do ferrocarril e o mar. O proxecto urbanístico xeral foi de J. Martorell, O. Bohigas, D. Mackay e A. Puigdoménech, coa colaboración doutros arquitectos. Hai cinco edificios porta, diversos parques, o porto olímpico, os dous rañaceos que caracterizan o perfil do barrio, e a fonte do cruzamento do paseo de Carlos I coa avenida do Litoral. Os edificios de equipamentos son: o centro meteorolóxico, o centro de convencións, o pavillón polideportivo, o cuartel de bombeiros, o centro ecuménico e o centro de asistencia primaria.