Barcia Caballero, Xoán

Barcia Caballero, Xoán

Médico, psiquiatra e escritor. Foi catedrático de Anatomía nas universidades de Granada (1893) e Santiago de Compostela (1895). Compaxinou o seu labor docente coa dirección do Hospital San Roque e do Manicomio de Conxo. Publicou Programa de Anatomía Práctica (1883, 1896) e Anatomía Práctica (1898) e, no eido da Psiquiatría, escribiu varios traballos en De re phrenopatica (1915) e leu numerosas conferencias. En canto á literatura, cultivou poesía, novela e ensaio, alternando galego e castelán. Iniciouse en 1883 coa obra bilingüe, en prosa e verso, Mesa revuelta. Ensayos literarios. En 1891 publicou o poemario Rimas, enteiramente en galego. Varios poemas recollidos na obra recibiron premios, entre eles o titulado “Brétemas”, galardoado nos Xogos Florais de Tui (1891) e “O arco da vella”, o máis divulgado do autor, premiado nun certame literario celebrado en Vigo en 1881. En colaboración co seu fillo Xoán Barcia Eleizegui escribiu as novelas Dos Almas (1907) e El señor Nin (folletín publicado en El Eco de Santiago, 1922). Como autor de ensaio publicou La cuestión palpitante. Cartas amistosas a la Sra. Dª Emilia Pardo Bazán (1881). Foi o tradutor ao galego do texto latino do Terceiro Concilio de Toledo, para a edición políglota de 1891.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso