Barcia Goyanes, Juan José
Catedrático en Medicina. Licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse coa tese Las variaciones atávicas y las detenciones en el desarrollo, en el maxilar superior de los locos. En 1927 acadou a cátedra de Anatomía da Universidad de Salamanca e posteriormente trasladouse á de València, universidade onde ocupou os cargos de decano da facultade de Medicina (1945-1964) e reitor (1966-1972). Pioneiro na especialidade de neurocirurxía en España, foi o primeiro presidente da Sociedad Luso-Española de Neurocirugía e membro da British Society of Neurological Surgeons, Société Française de Neurochirurgie e Societá Italiana de Neirochirurgia, entre outras institucións científicas. Descubriu e desenvolveu un método para rexistrar as modificacións circulatorias intercraneais a través do cranio intacto que recibiu o nome de palencefalografía. No eido do periodismo médico fundou e dirixiu tres revistas: Medicina Española, Revista Española de Oto-Neuro-Oftalmología e Archivo Español de Morfología. Á parte de numerosos traballos sobre neurocirurxía, publicou La vida, el sexo y la herencia (1928), Los tumores cerebrales (1942), La nómina anatómica de Jena (1948) e La nómina anatómica de París (1960). Tras a súa xubilación en 1971, empezou a traballar sobre o vocabulario anatómico e a súa historia. Foi presidente da Deputación Provincial da Coruña durante a Guerra Civil e primeiro presidente do Centro Galego de València. En 1993 foi nomeado Académico de Honra da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, e en 1997 recibiu a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Falecemento
Lugar : Valencia