barco

barco

(< barca)

  1. s m [MAR]

    Construción de madeira, ferro ou calquera outro material que, mediante unha estrutura axeitada, permite a súa flotabilidade. Impulsado e dirixido por uns aparatos específicos e axeitados (remos, vela ou motor), pode transportar pola auga a persoas, animais ou mercadorías. SIN: embarcación, nave.

    Ex: Non me digas que nunca fuches en barco?

    Confrontacións: barca, buque, navío.
  2. s m [ZOOL]

    Cuncha interna da xiba.

  3. barco bateeiro [MAR]

    Embarcación empregada para transportar os traballadores á batea, e que tamén recolle a produción de mexillón. Levan a cuberta máis despexada (a ponte e a cámara van máis cara á proa), co obxecto de poder traballar enriba e ter a posibilidade de cargar máis. Estes barcos bateeiros funcionan como unha factoría no mar, equipados cun guindastre mecánico para levantar as cordas, con toldos para traballar a cuberto, con máquinas de palillar que introducen uns paos nas cordas para impedir que as crías do mexillón escorreguen, e levan instrumentos mecánicos para encordar, espiñar e realizar outras tarefas.

  4. barco de río [MAR]

    A necesidade de cruzar os ríos traduciuse na construción de embarcacións adaptadas para navegar polas súas augas. A utilidade e fin destas embarcacións foi, fundamentalmente, a de transportar dunha beira a outra do río pasaxeiros, gando e mercadorías varias. Adaptados a estas características específicas, a gran maioría dos barcos de río son de fondo plano, poucas veces curvado, e de costados rectos. A proa e a popa teñen idénticas características se son empregadas para o transporte de carros ou gando, cunha forma achatada que facilita a entrada e saída da embarcación. Antigamente eran de tamaños variables, habéndoas de oito metros de longo por catro de ancho. No tramo intermedio do Miño existe un tipo singular de barco de río: a dorna ou barco. Estas embarcacións estaban formadas por dous flotadores chamados dornas, de aí o seu nome, construídos a partir dun tronco baleiro, coa parte de proa rematada en pico e a de popa con forma achatada. Os flotadores ían unidos por travesas, que á súa vez soportaban un piso de táboas. Todas as embarcacións de río conducíanse con remos, algunhas veces cun pau co que, apoiado no fondo, se empurraban. Nalgúns lugares, se o río non era moi ancho, o barco levábase de beira a beira tirando por unha corda fixa en cada extremo do río. Aparecen este tipo de embarcacións no Ulla e no Miño.

  5. barco do cerco [MAR]

    Embarcacións feitas en madeira, con tracción a motor e cun peso que supera as 20 toneladas. Á parte dos elementos mecánicos comúns ao resto das embarcacións a motor, levan unha serie de útiles e complementos específicos para o traballo co aparello do cerco: cubertas de madeira ou caixonas, situadas na cuberta do barco e destinadas a gardar o peixe, o rancho ou dependencia destinada para que os mariñeiros durman a cuberto, uns muíños en posición vertical (carretel), que serven para recoller a xareta do aparello, o halador que permite recoller e largar o aparello, e a pasteca, que consiste nunha pequena polea para a xareta. No costado de estribor leva unha varanda, e no de babor vai libre para poder traballar co aparello. A maquiniña ou halador vai en posición vertical, a diferencia dos outros barcos, para así poder tirar dos cabos do aparello polo costado. Estas embarcacións van equipadas con radares para a localización do peixe, así como con equipos de radio que os comunican con terra.

  6. barco do Miño [MAR]

    Embarcación que en tempos se empregou no tramo internacional do río Miño, e que aínda hoxe é frecuente na parte portuguesa, con algunhas modificacións na súa tipoloxía tradicional. Presenta unha proa e popa de características construtivas idénticas, mantendo a proa un pouco máis alta ca a parte traseira. A súa quilla ten forma de T, e un perfil redondeado. As súas dimensións son, de seis a sete metros de eslora e metro e medio de manga. É unha embarcación aberta, sen corredores laterais, cun pequeno banco na popa (tosta), outro no medio (bancada) e o derradeiro na proa. Aparellaba unha pequena vela sobre un sinxelo mastro, caído a popa. Dispuña dun temón de grandes dimensións (ata 80 centímetros de ancho), e que pasaba 40 centímetros por baixo da quilla. Estas embarcacións empregábanse para o transporte de persoas e mercadorías, usándose actualmente para a pesca da angula, da solla e da zamborca.

Refráns

  • A quilla é de quen a pasa.
  • A vela da barca hai que velala e, se non, largala.
  • Barco cheo, barco baleiro.
  • Barco sen cuberta, sepultura aberta.
  • Quen ha pasa-la barca escusa contar xornada.