Barco

Barco
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica (O Barco de Valdeorras). O topónimo Barco, en contra do que intuitivamente parece indicar (a presenza no lugar dun barco), ten o significado de ‘depresión, concavidade do terreo, valgada’, polo que se podería situar a súa orixe na base prerromana *barc ou *barg ‘concavidade, altura, costa’. Unha variante deste apelido na que se conserva a preposición indicadora de orixe ou residencia é Dobarco. A mesma orixe ca estes terían outros apelidos, tamén de orixe toponímica, como Barcada, Barcala ou Barcón.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Antiga liñaxe castelá estendida por toda España. As súas armas levan, en campo de ouro, unha cruz de Calatrava, de goles, cantonada con catro lises de azul nos baleiros; bordo de goles con oito aspas de ouro. Para os Barco-Romeu recóllese un escudo semellante: en campo de ouro, unha cruz floreteada de goles, con catro lirios de azul nos baleiros, cada unha con dúas follas e unha flor no extremo; bordo de goles, con oito aspas de ouro.